DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría e a Concellería de Promoción Económica promoven un ciclo de contacontos

A narración oral retorna a Pontevedra da man dos ‘Contos de inverno’

Dirixido a público adulto, arranca a vindeira semana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/11/2022

Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como unha parte do patrimonio inmaterial galego, a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica impulsaron en 2021 Contos de inverno, un ciclo de contacontos dirixido a un público adulto que retorna nas próximas semanas con catro sesións na Casa das Campás, dedicadas a historias e contos que forman parte da tradición galega. A segunda edición deste ciclo de narración oral arranca o mércores 16 co espectáculo De aló de onde eu veño, de Caxoto. Ao día seguinte, Brais das Hortas presentará Contos de defuntos (e outros asuntos), mentres que o mércores 30 de participará Cris de Caldas con Dona Emilia e a señora Carme: dúas señoras de conto, pechándose esta actividade o 1 de decembro con Lavandeiras, do dúo Rilo & Penadique.

“Desde a Vicerreitoría queremos contribuír á preservación da tradición oral”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que incide no interesante dunha proposta cultural “destinada tanto á comunidade universitaria como o público en xeral”. Con catro sesións programadas para as 20.30 horas, trátase nese senso, lembra, dunha actividade con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Das historias que rodean á morte ás que contaban as lavandeiras 

Cunha ampla experiencia no eido escénico, ben sexa a través da música, do baile tradicional e do teatro como da narración oral, Felipe Díaz, Caxoto, será o encargado de abrir este ciclo o mércores 16 con De aló de onde eu veño. Presentado como “unha viaxe ás raíces con mirada retranqueira de quen comeza xa a estar un pouco de volta de todo”, trátase dun espectáculo no que Caxoto fala de si mesmo, das súas orixes, referentes, “camiños escollidos e camiños rexeitados”, herdanzas e tradicións. Ao día seguinte, o músico, narrador oral e clown Brais da Hortas presentará na Casa das Campás Contos de defuntos (e outros asuntos), un conxunto de historias sobre a Santa Compaña, aparicións, visións e outra serie de fenómenos “que rodean a vida e a morte en Galicia”, segundo recolle o texto de presentación do espectáculo.

Dúas semanas despois, o ciclo continúa o mércores 30 coa narradora e bibliotecaria Cris de Caldas e Dona Emilia e a señora Carme: dúas mulleres de conto, espectáculo articulado en torno ás figuras da súa avoa Carmela e de Emilia Pardo Bázan, no que esta narradora mestura “contos tradicionais, historias de vida reais e versións moi persoais de Pardo Bazán”. Contos de inverno péchase o xoves 1 de decembro cun dos primeiros espectáculos para o público adulto da compañía creada en 2017 pola narradora e educadora Vero Rilo e a cantareira e gaiteira Sonsoles Penadique. Trátase de Lavandeiras, unha proposta que ten como punto de partida o patrimonio oral ligado ás lavandeiras en Galicia.