DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu o desfile do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda

Natalia Belén de Roia vence en Debut 2022 cunha colección inspirada na paixón polo fútbol da súa Arxentina natal

Noemí Comesaña logrou o premio á proposta con máis valor artesanal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 18/11/2022

Cunha colección que fala das súas raíces e da paixón polo fútbol que se vive na súa Arxentina natal, Natalia Belén de Roia converteuse na noite deste venres na gañadora do premio á mellor colección de Debut 2022, o desfile no que os novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentan as súas coleccións. Nunha edición na que o desfile “volvía a normalidade”, como lembraba a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, doce novos titulados e tituladas presentaron no Pazo da Cultura de Pontevedra as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de máster. Xunto ao premio outorgado a De Roia por La mano de D10s, tamén foi recoñecida a colección Filandón, de Noemí Comesaña, co galardón á colección con maior valor artesanal.

“Poder ter posto este broche final a esta etapa cunha colección que fala de onde veño, éncheme de orgullo”, salientaba De Roia tras ser elixida gañadora do premio ao deseño e innovación, dotado con 3000 euros, que outorga a empresa Setga. Fíxoo cunha colección que, explica, “fala da paixón polo fútbol que se vive na Arxentina”, na que se inspirou nas imaxes gráficas dos equipos e nas rivalidades entre clubs e para a que estudou as diferentes camisetas coas que competiron ao longo dos anos equipos como Boca Juniors, do que é seguidora, ou o seu gran rival, River Plate. “Síntome moi feliz de poder facer algo tan persoal como esta investigación sobre o meu país e poder levalo a unha pasarela como Debut”, engadiu De Roia, que chegaba a Galicia en 2019 tras coñecer a traxectoria de Esdemga, “unha escola incrible con resultados incribles e estudantes incribles”. 

Xunto ao seu proxecto, nesta décimo quinta edición de Debut tamén foi premiada a colección que Noemí Comesaña inspirou nos tradicionais encontros de mulleres que contaban historias mentres fiaban, “un extraordinario traballo de investigación gráfica e de recuperación de materiais”, como salientou Dopico, que foi recoñecido cun galardón outorgado pola Xunta, a través de Artesanía de Galicia e o Xacobeo.  

Coleccións nacidas da investigación

Nunha edición na que Debut recuperaba a normalidade despois de que a covid-19 obrigase a suspender a de 2020 e a reunir proxectos defendidos ao longo de dous cursos en 2021, foron doce os TFM que optaron os premios e que foron avaliados por un composto por Pepa Bueno, directora executiva da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME); Guillermo García-Badell, director do Centro Superior de Diseño de Moda da Universidad Politécnica de Madrid; e Viviana Kuri, directora do Museo de Arte de Zapopan, en México. “Son proxectos nos que levan traballando todo un ano”, lembrou Dopico na apertura dun desfile ao que asistiron, entre outros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e do campus de Pontevedra, Eva Lantarón. Presentados sobre a pasarela polos 60 mozos e mozas que exerceron como modelos, tratábase de proxectos “que non son coleccións de pasarela”, senón o resultado “dun proceso de experimentación e creación”, lembrou Dopico, que salientou a “cantidade de referentes e o traballo de investigación” que se pode atopar nestas doce coleccións. 

Este traballo de investigación tivo como resultados, xunto ás coleccións premiadas, proxectos como Proscripto Inclusio, que André Anta inspirou no mundo dos videoxogos, ou Relindo Festejo, que Rejina Chamorro creou inspirándose en nove diapositivas do bautizo e primeiro aniversario de seu pai. Os recordos e a súa vinculación cos obxectos foron a fonte de inspiración de Sara Maneiro en O.67-15969, mentres que o mar inspirou propostas como Cetácea, de Carmen Muñoz, e Eolo Inn de Sofía Claudio, que rememoraban, respectivamente, a pesca de baleas nas costas galegas e a navegación a vela en solitario. Irina Gaidai, pola súa banda, propón en Chaperon rouge unha reinterpretación do conto de Carapuchiña Vermella, na versión de Charles Perrault, mentres que Andy González fixo uso da división da sociedade en diferentes estamentos que Aldous Huxley presentaba na novela Un mundo feliz para crear Épsilon, ao igual que fixo Carlota Matos coa serie de animación xaponesa Evangelion para dar forma a El Cielo. Asemade, sobre a pasarela de Debut puideron verse Las Babushkas de Chernobyl, coa que Nely Plaza reflexionaba sobre os efectos das catástrofes nucleares, e Queen Bee, o proxecto no que Noelia Remesal levaba ao extremo os estereotipos ligados aos concursos de beleza. 

Peche a unha semana dedicada á moda

Tras a estrea destes doce TMF, o desfile completouse nun segundo bloque coa presentación dunha serie de proxectos levados a cabo polo alumnado o pasado curso, no seu primeiro ano no mestrado. En primeiro termo, 12 pequenas coleccións traballadas sobre “tecidos máis crús”, co branco como protagonista, como lembrou Dopico, seguidas doutras 15 nacidas xa do traballo coa cor. Deste xeito, o mestrado puña peche a unha semana de actividades centrada na moda, na que se inseriron unha serie de talleres e mesas redondas. De feito, o propio desfile viuse precedido este venres polas Xornadas Técnicas de Recursos Humanos, nas que, horas antes do desfile, os novos titulados e tituladas mantiñan unha serie de entrevistas con responsables de persoal de diferentes firmas de moda no Pazo da Cultura.