DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de máis de 30 investigadores e representantes das principais firmas do sector

O naval protagoniza o segundo encontro Universidade-Empresa

A directora de Gain, Patricia Argerey, presentou na clausura os Hubs de Innovación Dixital

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/05/2019

Representantes da Asociación de clústeres do naval galego –Aclunaga-; da Cooperativa de Armadores de Vigo -Arvi- e as principais empresas nos ámbitos do naval, offshore e construcións metálicas (Citic Hic Gandara Censa, Peter Taboada, Europrecis Galicia, Incargo, Coterena...) participaron este venres no edificio Miralles nunha nova edición dos Encontros Universidade-Empresa, unha iniciativa na que tiveron a oportunidade de intercambiar ideas e experiencias cunha trintena de investigadores e investigadoras de distintas escolas e facultades dos tres campus, sobre todo das escolas de enxeñaría, pero tamén de Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Sociais e da Comunicación ou Ciencias do Mar.

O encontro arrancou coa intervención da vicerreitora de Transferencia, Mª Consuelo Pérez, quen salientou que este ciclo de eventos xurdiu das xuntanzas mantidas cos diferentes clústeres e asociacións empresariais, reunións nas que se decataron de que os principais actores do tecido económico non sempre coñecen as capacidades que teñen os investigadores e investigadoras universitarias. “Ademais, por outra banda, tamén é certo que ao persoal investigador moitas veces cústanos establecer unha canle de comunicación coas empresas, vivimos atarefados entre as actividades docentes e as investigadoras e non é doado comezar a colaborar coas empresas”, subliñou a vicerreitora, que fixo fincapé en que obxectivo destes encontros é, “precisamente”, que a comunidade investigadora coñeza de primeira man as necesidades do tecido produtivo e que as empresas tomen nota do potencial dos grupos de investigación universitarios, así como establecer liñas de colaboración entre ambas partes.

Mesas de traballo que se celebrarán tamén en Ourense e Pontevedra

Este segundo encontro centrouse no metal naval, un dos sectores máis importantes da economía galega e que, a día de hoxe, segundo se indicou no acto, representa preto do 5% do PIB galego. Tras a benvida de Mª Consuelo Pérez, foi a directora técnica da oficina de I+D, Ángeles López, a encargada de explicar brevemente as principais oportunidades de colaboración entre universidade e empresa e, tras esta intervención, arrancou a xuntanza. 

O reparto de expertos e expertas nas diferentes mesas de traballo realizouse en función da liña de investigación dos investigadores e da demanda das empresas. “O que se pretende é que nunha mesma mesa coexistan unha ou dúas empresas como máximo e investigadores de diferentes ámbitos e diferentes grupos de investigación da Universidade”, salientou Pérez, quen fixo fincapé en que a xuntanza se organizou seguindo a mesma premisa de ‘encontro informal’ coa que se celebrara xa a anterior xuntanza, centrada nese caso no sector alimentario. “O feed-back que recibimos das empresas foi moi bo. Dixéronnos que lles gustara moito ese formato e que, unha vez roto o xeo inicial, todo flúe”, recalcou Pérez, quen adiantou que este ano quedan pendentes dous novos encontros sectoriais no campus de Vigo, aos que haberá que sumar un no campus de Ourense e outro no de Pontevedra, coorganizados polas correspondentes vicerreitorías.

Hubs de Innovación Dixital, novo instrumento de colaboración entre universidade e empresa

Os encontros foron clausurados pola directora da Axencia Galega de Innovación, Gain, Patricia Argerey, quen aproveitou a súa presenza nesta xuntanza para presentar os denominados Hubs de Innovacion Dixital, un novo instrumento impulsado polo goberno galego para estruturar o ecosistema galego de I+D+i e que se suma a outras iniciativas como o programa Ignicia, dirixidas tamén a conseguir que o ecosistema de I+D+i galego gañe tamaño e competitividade.

“Este tipo de xuntanzas son un exercicio moi necesario e moi útil”, explicou Argerey, quen fixo fincapé en que este tipo de intercambios “son fundamentais” para achegar dous mundos que, tradicionalmente, viviron relativamente afastados, “pero que afortunadamente nos últimos anos comezaron a reverter esta tendencia, facéndose a universidade cada vez máis consciente do rol que ten na sociedade e decatándose as empresas de que o coñecemento é un factor básico para o seu crecemento”.

Malia que o principal destinatario dos Hubs serán as pemes, todos os axentes poderán beneficiarse dos seus servizos, que está previsto que comecen a prestar en 2020. No caso das universidades, agárdase, segundo explicou Argerey que acheguen coñecemento, persoal, equipamento e infraestruturas e, en contrapartida, identificar novas colaboracións, novos produtos e ter acceso a novas fontes de financiamento público vía Hub.