DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía está dedicada ao tema marítimo

Navegando polo mar de tempos pasados co último número de 'Minius'

A publicación afonda en aspectos como a cartografía e os pósitos de pescadores

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 12/06/2014

Cada ano, o Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo organiza no campus de Ourense un ciclo de conferencias arredor dun tema transversal de interese para o colectivo que agrupa. Os relatorios escoitados nesa cita convértense logo no tema central do seguinte número da súa revista, chamada Minius. Historia, arte e xeografía. Seguindo este procedemento, no seu último número a publicación dedica unha especial atención ao papel do mar na historia, recollendo as achegas de importantes expertos en temas como as prácticas máxicas dos romanos para evitar os riscos de navegar, a historia da cartografía náutica en Galicia e a evolución dos pósitos de pescadores desde o Antigo Réxime.

O Ciclo de Conferencias O Mar na Historia, explica María López, directora do departamento responsable, celebráronse a finais do ano 2011 “como unha oportunidade para que o alumnado e os docentes puidesen escoitar en persoa conferencias de destacados especialistas pero co obxectivo principal de nutrir a Minius de traballos inéditos, interesantes, rigorosos e de calidade demostrada, pois teñen que pasar os filtros correspondentes da revista antes da súa publicación”. A temática escollida nesa ocasión foi a do mar, por entender que xogou e xoga un papel moi importante no desenvolvemento da historia ao longo dos séculos, tanto na costa como no interior de Galicia, e porque a súa abordaxe permite múltiples enfoques transversais.

Un dossier específico, artigos variados e recensións

Froito daquela cita, o número 21 da revista Minuis contén un dossier titulado O Mar na Historia que inclúe artigos de Antón Alvar sobre os riscos de navegar no mundo romano e as prácticas máxicas para solucionar estes perigos; de Gonzalo Méndez sobre a historia da cartografía náutica en Galicia, e de Antonio Ortega-Villoslada sobre a navegación mediterránea polo Atlántico, centrándose no caso de Mallorca entre os anos 1230 a 1349. Tamén fan as súas achegas a este dossier Dionísio Pereira, que escribe sobre os pósitos de pescadores desde o Antigo Réxime ata a II República, e María del Carmen Saavedra, que se aproxima á política naval, os corsarios e as armadas na Galicia moderna.

Alén deste bloque específico, a revista, editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, tamén inclúe un grupo de artigos de diferentes autores sobre diversos temas non relacionados co eixe central de interese do dossier. Deste xeito, Belén Mª Castro afonda nos coros capitulares; Alberto José Pazo e María Pilar Moragón no despoboamento e a desertificación demográfica en Galicia; Alessandro Soares da Silva nos movementos sociais agrarios brasileiros, especialmente no Movemento Sen Terra entre 1975 e 2006, e Óscar Rodríguez e Diana Vilas nos imaxinarios da nenez pontevedresa do primeiro terzo do século XX. Por último, a publicación recolle recensións feitas por diferentes expertos sobre monografías publicas en Galicia nos eidos da historia medieval, moderna e contemporánea.