DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes e letradas analizan esta cuestión nunha xornada organizada por CCXX e do Traballo

É necesaria unha revisión da Constitución dende a perspectiva de xénero?

Para abordar posibles modificacións referidas, por exemplo, á paridade ou os dereitos sexuais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
M. Del Río DUVI 06/11/2020

Os sete poñentes que se encargaron da redacción da Constitución española de 1978 eran sete homes, nun contexto político no que tan só había 21 deputadas dun total de 350 escanos no congreso. A consecuencia desta realidade foi que o debate constituínte de 1978, ao igual que o texto constitucional, non foron especialmente xenerosos coas reivindicacións feministas. Así o explica Ángel Aday Jiménez, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo e un dos organizadores da xornada A reforma da Constitución desde a perspectiva de xénero, unha iniciativa que se desenvolve na tarde deste venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e a través do Campus Remoto.

Xunto con Jiménez, está á fronte da organización deste evento a profesora de Dereito Administrativo María Antonio Arias, coa colaboración dos docentes Tamara Álvarez, Pablo Riquelme e Pablo Perel. Arias agradeceu o apoio da Unidade de Igualdade, que financia o evento, e do Decanado da facultade por facer posible este tipo de actividades. O programa comprende catro conferencias e unha mesa redonda da man de expertas de universidades de toda España e tamén dúas letradas do Tribunal Constitucional. A xornada, pensada principalmente para o alumnado de grao e posgrao dos ámbitos xurídicos e sociais, estivo aberta a calquera persoa con interese en aproximarse ás relacións entre Constitución e feminismo, aos avances da axenda constitucional feminista durante as últimas décadas e ás cuestións pendentes, incluíndo o debate sobre si unha revisión do pacto constituínte de 1978 en perspectiva de xénero é necesaria e útil, que foron os temas principais de debate. Como explica o profesor Jiménez, a pesar de coincidindo coa conmemoración dos 40 anos do texto “foron comúns os debates e obras dedicadas a abordar a necesidade da súa reforma, a perspectiva de xénero apenas estivo presente. Esta xornada é unha humilde contribución para axudar a corrixir este déficit”.

Ao longo da tarde, e coa asistencia de arredor de 130 persoas, abordáronse temas como a paridade como principio constitucional, o papel da Administración para acadar unha igualdade efectiva, o desenvolvemento sostible e a muller rural ou os dereitos sexuais e a educación nunha hipotética reforma do texto constitucional.

No acto de apertura da xornada, participou tamén o decano do centro, Francisco Torres, e a primeira intervención do programa foi a da profesora Ruth Rubio, catedrática de Dereito Constitucional da Universidade de Sevilla, que falou sobre mulleres e reforma como unha perspectiva comparada. Ao longo da tarde interviñeron tamén expertas das universidades de Córdoba, Oviedo, Salamanca, Barcelona, Carlos III e Complutense, algunhas delas letradas do Tribunal Constitucional.

Os cambios pendentes dende a perspectiva de xénero

O profesor Ángel Aday Jiménez explica que son moitos os temas relacionados coa igualdade e perspectiva de xénero que sería preciso abordar de cara a seren obxecto de cambios no texto constitucional. Existen numerosas cuestións, “dende o recoñecemento do dereito a unha vida libre de violencia ou a regulación dos dereitos sexuais e reprodutivos, ata a educación igualitaria ou a constitucionalización de conquistas legais que contan cun alto grao de consenso, como a garantía de presenza equilibrada de homes e mulleres nos órganos estatais ou a erradicación da discriminación no ámbito laboral”. Todo isto, engade, “sen restarlle un ápice de importancia á cuestión da linguaxe, xa que é notoria a masculinización do texto constitucional”.

Respecto a cando poder abordar ese proceso de reforma, o docente explica que a reforma da Constitución é unha cuestión sobre a que se debate frecuentemente, “pero apenas se exerce”, xa que tan só se realizaron dúas emendas ata agora, unha en 1992 e outra 2011. Quizás, engade, o realista sería “aproveitar o alto consenso que xa xeraron moitos avances lexislativos e xurisprudenciais relacionados coa perspectiva de xénero para elevalos á Constitución e, así, normalizar o proceso de reforma constitucional, o que nos axudaría a afrontar outros debates”. 

O contexto da Constitución do 78 

A necesidade de modificar o texto da Constitución de 1978 para abordar aspectos como os tratados na xornada, dende a paridade ata os dereitos sexuais, é unha mostra de como no proceso constituínte non se tivo presente en absoluto as demandas feministas. O contexto da época non se limita a que fosen sete os pais da Constitución, senón que ese feito, apunta Jiménez, “reflicte toda unha serie de problemas que derivan da escasa participación das mulleres durante todo o proceso constituínte”. O docente lembra que as Cortes non democráticas que aprobaron a Lei para a Reforma Política en 1976 apenas contaban con oito mulleres, “pero non se pode dicir que a situación se corrixise nas primeiras eleccións libres dende 1936”. De feito, nas listas dos partidos nas eleccións ao Congreso dos Deputados en 1977 había pouco máis dun 13% de candidatas e, finalmente, saíron elixidas 21 deputadas de 350 escanos e seis senadoras de 248. A consecuencia evidente foi que o debate constituínte en 1978 ao igual que o texto constitucional non tiveron en conta as reivindicacións feministas e esa eiva continúa ata a actualidade.