DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto RightsEU reúne en Pontevedra académicas e académicos de seis países

A necesidade de situar os dereitos sociais “no centro” das políticas europeas centra un seminario internacional

Inserido nunha iniciativa que proporciona formación específica sobre a UE a profesorado de FP 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/06/2025

Procedentes de15 universidades de seis países, unha vintena de especialistas en Dereito do Traballo reúnense nas xornadas de xoves e venres na Vicerreitoría do campus de Pontevedra para debater sobre os dereitos sociais no ámbito laboral e o papel que deben xogar na Unión Europea do século XXI. Fano no primeiro seminario internacional do proxecto europeo RightsEU, que achega formación sobre a UE a máis de 40 docentes de Formación Profesional, co propósito de que poidan posteriormente afondar nas súas aulas nos principios e dereitos sociais europeos. Dous deles, a igualdade e a non discriminación, centran un seminario que parte da idea de que “pór no centro os dereitos sociais, a igualdade e o recoñecemento dos valores que inspiran o Pilar Europeo de Dereitos Sociais, faise máis necesario que nunca”, como sinalou a profesora Emma Rodríguez, coordinadora do proxecto, financiado polo programa Jean Monnet.

Con máis de 70 inscritos e inscritas, nas súas modalidades presencial e virtual, o programa destas xornadas abrangue catro mesas de debate nas que participan docentes de diferentes universidades españolas, de Estados Unidos, Francia, Italia, Serbia e Portugal. Previamente, o seminario La igualdad y la no discriminación como vector de referencia en la construcción de la Unión Europea foi inaugurado na mañá deste xoves por Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Innovación e Transferencia; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Marcial Méndez, membro do Gabinete do Secretario Xeral do Comité Europeo das Rexións e egresado da UVigo; Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais da Universidade, e Emma Rodríguez, profesora da Área do Dereito do Traballo e da Seguridade Social. 

Transferir o coñecemento para “mellorar a vida das persoas”

“O que nos reúne hoxe aquí é o compromiso compartido por fomentar unha Europa máis xusta, inclusiva e cohesionada”, sinalou Rodríguez na apertura deste seminario, centrado en dous “principios básicos do Pilar Europeo de Dereitos Sociais”, aprobado en 2017 co propósito de promover “un emprego de calidade”. Igualdade e non discriminación foron de feito os eixes de dous dos primeiros módulos formativos de RightsEU, nos que participa tanto profesorado de FP de diferentes centros galegos como formadores de persoas adultas de Portugal. 

Organizado por Rodríguez, xunto coas investigadoras Irene Dozo e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo e o catedrático Jaime Cabeza, este seminario súmase ás actividades formativas dun proxecto que constitúe “un exemplo de compromiso coa transferencia e a innovación social”, destacou Rubio. A vicerreitora de Investigación salientou tanto o feito de que este proxecto aborde a educación “como unha ferramenta de transformación social”, como o seu carácter “transfronteirizo”, ao tempo que lembrou que se trata dunha iniciativa incardinada coa “responsabilidade” da UVigo de promover “a formación ao longo de toda a vida” e de que o coñecemento poida “chegar á sociedade, influír nas políticas públicas e mellorar a vida das persoas”. Ese carácter transfronteirizo foi tamén sinalado por Garea como un dos aspectos que amosan importancia dun proxecto financiado con preto de 350.000 euros e inserido nos 25 anos de traxectoria da UVigo no programa Jean Monnet, ao longo dos que desenvolvéronse unha trintena de accións, financiadas con preto dun millón de euros pola UE. 

Previamente, Pedro Blanco destacou a importancia dun seminario que permite “proxectar o futuro dos dereitos sociais no ámbito do emprego”, nuns tempos de “grandes transformacións”, nos que “a transición ecolóxica, a revolución dixital e os desafíos demográficos están reconfigurando por completo o modelo produtivo e a organización do traballo”. Tras lembrar algúns dos avances en materia de dereitos laborais acadados nos últimos anos, o delegado do Goberno subliñou a existencia de “retos clave” que é preciso afondar neste eido, como “a regulación da intelixencia artificial no emprego, a desconexión dixital real ou a saúde mental no traballo”.

Igualdade e discapacidade

O papel outorgado aos dereitos sociais no emprego desde a constitución da Comunidade Económica Europea, ata a proclamación do Pilar Europeo de Dereitos Sociais, centraron a continuación o primeiro panel destas xornadas. Moderada pola catedrática da Universidad de Murcia María Belén García, esta mesa contou coas intervencións de Miguel Rodríguez-Piñero, da Universidad de Huelva; Stefano Bellomo, da Università degli Studi de Roma; Luis Antonio Fernández, da Univesidad de Oviedo, e Mila Petrovic, da Union University Law School de Belgrado.

A igualdade nas relacións laborais do século XXI foi o eixe central da segunda mesa, na que participaron a profesora da Cornell University Risa Lieberwitz e a investigadora da Universidade de Burdeos Isabelle Daugareilh, xunto coa catedrática Carmen Sáez Lara, da Universidade Córdoba e o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia José Fernando Losada. Xa pola tarde, o seminario continúa cun panel centrado na discapacidade como factor de vulnerabilidade no acceso ao mercado laboral, que reúne especialistas das universidades de Castilla-La Mancha, Autónoma de Barcelona, Murcia, Cádiz e Oviedo,.

Conferencia de clausura de Maria Emilia Casas

Na mañá do venres terá lugar a cuarta mesa de debate, centrada na conciliación e a corresponsabilidade, que serán abordadas por académicos e académicas das universidades de Valencia, Carlos III, Vigo e Católica Portuguesa. A continuación, terá lugar un taller dirixido ao profesorado participante no proxecto, previo á conferencia de clausura, a cargo da catedrática Maria Emilia Casas, a primeira muller que presidiu o Tribunal Constitucional, cuxa traxectoria era recentemente recoñecida pola Universidade de Vigo co seu nomeamento como doutora honoris causa. Tras o seu relatorio, o acto de peche contará coa participación do secretario de Estado Joaquín Pérez Rey, do Ministerio de Trabajo y Economía Social.