DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun concurso virtual para o que os universitarios prepararon diferentes actuacións en inglés

Nenos e nenas do CEIP A Xunqueira I xulgan o talento do alumnado de Educación Infantil

19 estudantes de primaria exercen como xurado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/05/2020

Cancións, contos, trucos de maxia e experimentos, todos eles en inglés e todos eles protagonizados por 66 estudantes do grao en Educación Infantil comparten espazo no concurso que, nas tardes de onte xoves e hoxe venres, se desenvolve do xeito virtual e no que 19 alumnos e alumnas do CEIP A Xunqueira I exercen como xurado. Baixo o título de You can really do it!, trátase dunha iniciativa promovida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e a docente do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro, inicialmente concibida como un evento que ía desenvolverse nas propias instalacións do colexio e que a crise da COVID-19 obrigou a trasladar á rede. 

O obxectivo desta actividade, explica Lareo, era “que os universitarios se acheguen ao seu futuro labor” como docentes a través dunha iniciativa inserida nas actividades da materia Idioma estranxeiro inglés. Inicialmente, explica, as e os alumnos ían presentar as súas actuacións nun evento que ía ter lugar este mes de maio no salón de actos do colexio, mais a suspensión da actividade docente presencial levounos a transformar esas actuacións en vídeos de dous minutos que os alumnos e alumnas realizaron en grupos identificados co nome dun animal, gravando cada un desde as súas casas. “A calidade do vídeo non se terá en conta, pero si o seu contido”, salienta Lareo dunha actividade que forma parte da avaliación da materia. Os vídeos, que comparten o cancelo #nohaiquennospare, preséntanse nestes días a 19 alumnos e alumnas de segundo de primaria, encargados de decidir, na tarde deste venres, os nomes das gañadoras e gañadores das catro categorías do certame (cancións, contos, maxia e experimentos). 

Imaxinación para achegarse aos escolares

“Vimos esta situación como unha oportunidade para pór a imaxinación ao poder e como un adestramento para futuras situacións nas que se poidan atopar tanto profesores como alumnos”, recoñece Lareo dunha actividade que se insire da colaboración que desde hai cinco anos mantén con Quinteiro e coa que buscan achegar o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte ao traballo diario nun centro educativo. Así, despois de que a docente do CEIP A Xunqueira I protagonizase varios coloquios na facultade, desta volta propuxéronse que fosen os universitarios e universitarias os que se achegasen ata este colexio. Así, optaron por converter actividades que os alumnos e alumnas de Lareo adoitaban desenvolver na aula en actuacións que debían presentar diante dos nenos e nenas. De feito, antes da suspensión da actividade docente presencial, os alumnos e alumnas de Quinteiro visitaron á facultade e abordaron cos universitarios e universitarias como ían avaliar as súas actuacións nun concurso que, como recoñece Lareo, permite traballar cos nenos aspectos como “o xuízo crítico ou a capacidade de avaliación”, á vez que coñecer “de onde saen os profesores e que teñen que estudar antes de chegar a selo”. 

Gravados nun “inglés moi sinxelo”, os vídeos son presentados aos nenos e nenas nas dúas sesións deste concurso, ao que incorporaron tamén a lingua de signos, ao contar o grupo co que traballa Quinteiro cunha estudante con problemas auditivos. Así, os cativos poden gozar, a través da pantalla, de trucos de maxia, de "experimentos onde vemos como explota un volcán ou como inflar un globo sen aire e duns cantos contos nos que os personaxes non se poden abrazar ao final porque están en corentena”, como relata Lareo. No relativo, ao alumnado universitario, esta actividade está a supor “unha experiencia que lles obriga a saír da zona de confort e enfrontarse a algo novo”, engade esta docente, que salienta o esforzo realizado polos seus alumnos e alumnas para lograr entreter a cativos que pasaron varias semanas confinados cunha serie de actividades que, ao mesmo tempo, tamén lles axudan a ampliar os seus coñecementos de inglés.