DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director da axencia “New Models” e xefe de estilismo da Televisión de Galicia, Heriberto Otero:

“Nesta profesión é fundamental rodearte dun bo equipo e ser consciente das realidades e das limitacións”

O experto en pasarelas compartiu ás súas experiencias coas alumnas de Esdemga en “Os Xoves de Moda”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 16/05/2008

Na sétima sesión do ciclo Os Xoves de Moda, as alumnas da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia tiveron a ocasión de escoitar unha clase maxistral da man do director da axencia viguesa New Models e xefe de estilismo da Televisión de Galicia, Heriberto Otero.
Un dos eixes centrais da conferencia xirou en torno ao traballo que actualmente desempeña o convidado como organizador de desfiles e estilista. En primeiro lugar, Heriberto Otero destacou que “nesta profesión o fundamental é rodearte dun bo equipo e ser consciente das realidades e das limitacións”, para o que aconsellou que “non é bo querer facer de todo, xa que é imposible ser un experto en varias disciplinas”, afirmou. De feito, á hora de preparar unha pasarela hai que contar co traballo duns 100 profesionais cos que hai que ter varias reunións previas: os creativos, os iluminadores, os realizadores, os de produción e por suposto os deseñadores.
Respecto do labor que fai para a Televisión de Galicia, o estilista apuntou que a base dunha boa imaxe son as normas do protocolo e do ben vestir e que non hai nada escrito sobre esta disciplina xa que ten poucos anos de existencia. A pesar diso, o look nos medios audiovisuais cada día cobra maior importancia e é precisamente o que fai que o espectador teña confianza no personaxe que se amosa. Un exemplo disto é o caso do presentador Lorenzo Milá, “que en oito días descendeu a súa audiencia por quitarlle a garabata”, comentou Heriberto Otero.

O excitante mundo das tops models

Ao longo da charla que tivo lugar na sede da Vicerreitoría do campus, Otero dedicou varios minutos a falar sobre o mundo das tops models e que tan lonxe está da realidade dos cidadáns de a pé. O convidado explicou que a partir dos anos 90 todo o relacionado coas pasarelas sufriu un boom e as modelos pasaron a ser celebrities, é dicir, protagonistas das cabeceiras das revistas máis cotizadas do país. Co paso do tempo a situación calmouse e “agora baixou o coñecemento social destas grandes tops e as que agora destacan nos desfiles a nivel internacional, non son tan coñecidas na rúa”, subliñou Heriberto Otero.
Como datos anecdóticos, o ex modelo afirmou que as mulleres gañan moitos máis cartos que os homes e que unha top como Claudia Schiffer cobra, por ser a imaxe dunha marca, en torno a 4.000 millóns das antigas pesetas.
Actualmente o estilista está traballando nun desfile de noivas para a pasarela de Gaudí no que participará Nieves Álvarez.

A vindeira cita coa moda da man de Rei Zentolo

O ciclo que pretende achegar a realidade do sector téxtil aos estudantes de Esdemga, Os Xoves de Moda, continuará a vindeira semana da man dos deseñadores da firma Rei Zentolo, coñecida sobre todo polas súas serigrafías en camisetas baixo unha liña pop. Salvador Vázquez, José Manuel Prieto e Pablo Rodríguez compartirán cos asistentes a súa experiencia o próximo 22 de maio na Casa das Campás.