DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pioneira nos estudos sobre as aplicacións que unen informática e literatura

Nieves Pena: “A día de hoxe non se pode estudar humanidades sen apoio tecnolóxico”

Profesora na Universidade da Coruña, impartiu un relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
D. Besadío DUVI 16/11/2018

“A día de hoxe non se pode estudar humanidades sen apoio tecnolóxico”. Así de rotunda se amosou este venres a profesora da Universidade da Coruña Nieves Pena Sueiro na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde impartiu o relatorio Literatura y humanidades digitales, unha  sesión interactiva na que tras unha parte fundamentalmente teórica, pasou a amosarlles ás persoas asistentes toda unha serie de recursos informáticos, maioritariamente de acceso gratuíto, de utilidade tanto para o alumnado como para o propio profesorado docente e investigador do centro.

“As humanidades dixitais son unha área multidisciplinar que aplica os coñecementos das tecnoloxías das telecomunicacións e a información aos problemas e retos das ciencias humanas”, explicou Pena Sueiro, profesora de Literatura española e “toda unha pioneira nos estudos sobre as aplicacións que unen informática e literatura”, explicou durante a súa presentación o profesor Antonio Chas, que fixo tamén fincapé na faceta investigadora desta autora, experta en literatura española do Século de Ouro.

“É urxente que haxa unha reflexión sobre a modificación dos plans de estudo”

Nun intre no que a Universidade leva xa varios anos recibindo alumnos e alumnas nativos dixitais, a institución non pode, ao seu xuízo, ignorar a necesidade de impartir unha formación adecuada a estas humanidades dixitais. Desde o punto de vista, o humanista actual debe dominar as técnicas dixitais e crear as súas propias ferramentas, sen agardar a que outras persoas o fagan por el ou por ela. “Hai que cambiar os métodos e os modos de ensinanza, posto que as novas tecnoloxías están cambiando os xeitos de consumo e de creación, tanto literaria como de mensaxes orais”, subliñou a docente, que fixo tamén fincapé en que “é urxente que haxa unha reflexión sobre a modificación dos plans de estudo para incorporar, precisamente todas estas novas metodoloxías, “xa que falamos de competencias e habilidades que o alumnado precisa saber para logo poder desenvolver ben as súas profesións”.

Segundo explicou, tanto en Estados Unidos como en diferentes países europeos cóntase xa con centros específicos de humanidades dixitais con plans de estudo, tanto de grao como de posgrao. Estes centros poderían ser un modelo a seguir, pois neles incorporan as novas tecnoloxías  e tamén novos métodos de acceso ao patrimonio e aos textos. Son ferramentas dirixidas a recompilar información e analizar grandes cantidades de datos para extraer conclusións, resultados apoiados sempre en datos, “de tal maneira que hoxe máis que nunca a filoloxía e, en xeral, as ciencias humanas poden considerarse como disciplinas científicas”.

“Pensemos que case todas as bibliotecas están xa dixitalizando todos os seus fondos e o acceso ao texto é desde o noso propio lugar de traballo ou fogar e nin sequera temos que desprazarnos”, explicou a relatora, ao tempo que fixo énfase en que o estudante ou investigador/a ten á súa disposición unha gran cantidade de información que hai que seleccionar e procesar para extraer resultados. “Hoxe realmente o acceso é máis doado pero o estudo de resultados require moita máis reflexión e, ás veces, a intermediación das TIC, xa que o home non é capaz de analizar por si mesmo semellante cantidade de datos”, recalcou.