Xunto a outros catro alumnos de Irán chegou a Vigo o pasado mes de novembro
Nima Shahriyari, estudante LCA iraniano na UVigo: “Desexo que a guerra remate e as persoas volvan á súa vida normal”
Orixinario de Ahvaz, asegura que lle encanta Vigo e Galicia
Nos seus 22 anos de vida, Nima Shahriyari sabe o que é vivir unha guerra na súa propia cidade Ahvaz, situada a uns 800 quilómetros ao sur de Teherán, pero tamén na distancia, neste caso a dos máis de 6500 quilómetros que separan Vigo e o lugar onde naceu e onde vive toda a súa familia. “Ahvaz, como outras cidades de Iran, tamén foi bombardeada. Tanto, cando eu estaba alí, como agora, a miña familia e eu podiamos escoitar os ataques e ás veces espertábannos pola noite. É unha situación moi dura, aínda que co tempo un acaba acostumándose”, relata este estudante iraniano que cursa desde o pasado mes de novembro de 2025 na UVigo o Diploma de Formación Universitaria Lingua, cultura e adaptación á universidade (LCA).
Cando Nima Shahriyari chegou á UVigo, logo de atender o consello dun avogado de inmigración que lle recomendou a institución académica viguesa, e de desbotar a posibilidade de diplomarse en tres universidades alemás nas que fóra aceptado, EEUU e Israel aínda non atacaran Irán. Foi o 28 de febreiro de 2026 cando as bombas volveron caer sobre territorio iraniano e pasados case tres meses o conflito continúa sen visos de acadar unha pronta solución. Aínda que os seus familiares están ben e consigue contactar con eles cando as comunicacións o permiten, Nima recoñece que “a situación no meu país aféctame moito, especialmente ao principio. Era moi difícil manter o contacto con eles e cos meus amigos e aínda que agora é un pouco máis doado, porque algunhas aplicacións funcionan, aínda que con mala calidade, ás veces podemos falar e senón usamos o teléfono, pero as chamadas son moi caras”.
Outros catro estudantes matriculados no diploma LCA na UVigo comparten a preocupación de Nima pola guerra no seu país, sobre a que asegura “o que máis desexo é que remate o antes posible para que todas as persoas poidan volver a súa vida normal. Irán pasou por momentos difíciles antes e, aínda así, o país segue adiante. Por iso manteño a esperanza de que todo mellore”.
Español e persa, dúas linguas sen relación, agás polo uso do subxuntivo
Mentres agarda unha pronta resolución do conflito bélico que se libra no seu país, Nima Shahriyari apura as derradeiras semanas de clase e exames do Diploma de Formación Universitaria Lingua, cultura e adaptación á universidade (LCA), que lle están permitindo familiarizarse coa vida universitaria en España e aprender o idioma. “Antes de vir aquí, nunca estudiara no estranxeiro”, explica o mozo iraniano, que estudou español durante dous meses e medio antes de chegar, “pero de xeito moi intensivo. Estudaba todos os días, vía películas, escoitaba música… e iso axudoume moitísimo. Ademais, mentres cursaba os niveis A1 e A2 aquí, tamén aprendía pola miña conta os niveis B1 e B2”.
Nima terá ocasión de acreditar os coñecementos de español adquiridos o vindeiro mes de xuño co exame CertAcles español B2 que realizarán na UVigo, ao ser o seu Centro de Linguas unha das entidades acreditadas por ACLES (Asociación de Centros de Linguas da Ensinanza Superior) para elaborar e administrar este exame, con validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior. “A miña lingua materna é o persa e realmente non ten case ningunha relación co español, non obstante, algo curioso é que o uso do subxuntivo é bastante similar en ambos idiomas, non na forma, senón en como se utiliza e iso axudoume bastante a entendelo mellor”, explica.
Un avogado de inmigración, clave para chegar á UVigo
Aínda que a súa idea era estudar en Alemaña, onde foi admitido en tres centros, Nima Shahriyari mudou de idea e rematou na UVigo porque “un avogado de inmigración faloume desta opción. Explicoume que era una das poucas universidades que ofrecía exactamente o programa que eu estaba buscando e que, ademais era unha universidade como tal, non unha academia, ou institución privada. Iso deume máis confianza, porque sabía que a formación sería máis profesional e por iso decidinme por Vigo”.
Orixinario dunha grande metrópole iraniana, Ahvaz, da que proveñen boa parte dos ingresos do país e que conta na súa contorna con numerosos campos de petróleo e gas, Nima asegura “estar encantado” con Galicia e Vigo. Ao principio subestimeino e quería ir a outras cidade, pero agora estou moi contento coa decisión que tomei. É como un pequeno paraíso e a diferenza de moitas persoas, a min gústame o clima, aínda que a chuvia ás veces pode ser molesta, non é un gran problema para min”, asegura o estudante que comparte piso en Vigo con outros alumnos LCA. Nima destaca que son moitas as diferenzas co seu país, “pero o que máis me chama a atención é a diversidade cultural, ademais do organizado que está todo aquí. En Irán, en cambio, o sistema é menos estruturado e hai moitas diferenzas culturais en xeral”.
Odontoloxía é o grao que o estudante iraniano quere cursar unha vez que acade o LCA e aínda que nun principio chegou coa intención de facelo en Valencia, “despois de visitar Santiago de Compostela, cambiei de idea e agora espero poder estudar alí”, explica.
