DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este domingo ante o Celso Míguez

Nino Santos estréase como adestrador do Campus Universitario

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 09/01/2008

Nino Santos estréase este domingo á fronte da dirección técnica do Campus, no partido que o equipo de baloncesto disputará ante o Celso Míguez no pavillón universitario. Trala marcha por motivos laborais do técnico Xulio González será Nino Santos o encargado de dirixir o equipo de baloncesto masculino. O cambio chega nunha crise de resultados despois de perder os oito últimos partidos e de situarse nos últimos postos da clasificación.

Un técnico con experiencia

Santos, que estivo un par de anos retirado das canchas por motivos de saúde, conta cunha dilatada traxectoria de máis de 20 anos de experiencia como adestrador en diferentes equipos de distintas categorías, especialmente nas de base. Ante a delicada situación do Campus, explicou que, na súa opinión, o que falla son “por un lado as propias carencias dende principio da tempada, pois non hai pívots. Pero a isto hai que engadir as circunstancias especiais de ser estudantes o que se traduce nunha falta de continuidade nos adestramentos e dos xogadores” explicou. Para atallar o problema a primeira medida que vai pór en marcha é “vincularnos ao equipo universitario de veteranos, o Orsating para que nos axuden nos adestramentos e nos partidos que esteamos escasos de xogadores”.

O Celso Míguez, próximo rival

De cara a esta próxima xornada na que o Campus enfrontarase ao Celso Míguez este domingo no Pavillón Universitario, o adestrador afronta o partido como “o momento de completar os cambios e matizar o modo de xogar. Temos que estar a tope porque xa non hai máis tempo que perder” dixo. Os do Campus terán que comezar o ano brindándolle unha victoria ao novo adestrador se queren saír do fondo da táboa clasificatoria.