DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belén Rubio e Daniel Rey participaron na sinatura do convenio hoxe na Universidad de Las Palmas 

O nodo español do EMBRC refórzase coa incorporación do Banco Español de Algas

A Ecimat representa á UVigo desde a creación do European Marine Biological Resource Centre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 08/04/2022

Desde o ano 2018, cando quedou constituído legalmente na UE como Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación, o Centro de Recursos Biolóxicos Mariños (European Marine Biological Resource Centre-EMBRC) é o principal provedor de recursos biolóxicos mariños e de servizos para a súa investigación en Europa. Con 70 instalacións e estacións mariñas, distribuídas nunha decena de países, o EMBRC ten, desde a súa fundación, á Ecimat da UVigo e á Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco como socios españois, unha representación que desde hoxe se reforza coa incorporación do Banco Español de Algas (BEA-ULPGC) da Universidad de las Palmas de Gran Canaria.

O Banco Español de Algas, xestionado pola Fundación Canaria Parque Científico Tecnológico, pasa desde hoxe a formar parte do EMBRC, despois da sinatura do convenio celebrada esta mañá na reitoría da Universidad de Las Palmas, e na que tomaron parte representantes desta institución, encabezados polo seu reitor; da Universidad del País Vasco; do EMBRC; do Banco Español de Algas, e da UVigo, representada pola súa vicerreitora de Investigacion, Belén Rubio, e polos directores do Centro de Investigación Mariña, Daniel Rey, e da Ecimat, Jose Manuel García. “Esta adhesión amplía as posibilidades de acceso a un ecosistema atlántico moi diferente ao do golfo de Biscaia e as rías galegas. Isto aumenta a visibilidade do nodo nacional e polo tanto, a súa proxección a nivel internacional e debe redundar nun incremento do número de intercambios e de accesos á rede dos que se beneficiaría tamén o CIM e a ECIMAT”, explica Belén Rubio. 

A culminación dun labor 

Os representantes das institucións que hoxe asinaron o convenio, coinciden en sinalar en que a adhesión do BEA- ULPGC constitúe a culminación do labor iniciado no proxecto Red para la coordinación e posicionamiento estratégico del Nodo Español del European Marin Biological Resource Centre, EMBRedES, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, a través da Agencia Estatal de Investigación na convocatoria de axudas das accións de dinamización Redes de Excelencia 2017 no que participaron as tres institucións o ano pasado.

“A adhesión do Banco Español de Algas permitirá a consolidación institucional das operacións do EMBRC en España na provisión de servizos no ámbito da bioloxía e a ecoloxía mariñas, uns servizos que ata o de agora estaban enfocados na monitoraxe da calidade do medio mariño e o estudo da biodiversidade mariña e os efectos do cambio climático” sinalaron os responsables institucionais. Coa inclusión da colección de cultivos de algas do BEA-ULPGC, amplíase a carteira de servizos de investigación ofertados por EMBRC-España no ámbito da biotecnoloxía mariña, “clave na economía azul na que se basean os obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU e que constitúe un dos principais obxectivos políticos estratéxicos da UE”, explicaron os responsables das universidades, o EMBRC e o Banco Español de Algas. A ampliación dos socios españois do EMBRC contribuirá, así mesmo, a mellorar as oportunidades de colaboración nacional e internacional do Centro, impulsando o labor investigador das tres institucións na área de ciencias mariñas, mediante a colaboración con persoal investigador internacional, ademais de estender o radio de acción do EMBRC, ao facilitar o acceso aos ecosistemas mariños nas augas subtropicais das Illas Canarias. 

Positivo balance a incorporación da UVigo ao EMBRC

A participación da UVigo a través do CIM en EMBRC-España permitiu á institución académica viguesa implicarse en cinco proxectos europeos, que lle reportaron un millón de euros en financiamento competitivo, permitindo ademais establecer colaboracións de investigación internacionais, así como a mellora das instalacións e prestación de servizos da Ecimat. A isto engádese a elaboración dunha decena de publicacións científicas e diversos documentos de orientación de políticas, así como a recepción duns 40 investigadores e investigadoras visitantes de oito países como Costa Rica, Estados Unidos, Italia ou Portugal.

“O balance é moi positivo facilitando a consecución de proxectos e a interacción con numerosos investigadores de diferentes países, ademais de destacar tamén que é o único ERIC (European Research Infraestructure Consortium) no que participa a UVigo”, explican Belén Rubio, Daniel Rey e José Manuel García. “Unha vez establecidas as capacidades técnicas e a solvencia do persoal da estación, nesta nova etapa queremos que os investigadores do CIM o utilicen como unha plataforma de colaboración e participación en proxectos europeos, para poder converter gradualmente o CIM nun referente europeo en investigación mariña. Esperamos tamén que cada vez se incorporen mais empresas con departamentos de I+D+i, incrementando e mellorando esa colaboración público-privada  co obxectivo de potenciar a innovación”, detalla a vicerreitora de Investigación.