DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha das de maior impacto a nivel mundial no eido da enxeñaría eléctrica

Nomean ao profesor Xosé Manuel López editor dunha revista científica internacional

Exerce tamén como presidente do capítulo español do Power and Energy Society (PES) do IEEE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 02/10/2020

Xosé Manuel López Fernández, profesor titular do Departamento de Enxeñaría Eléctrica, foi nomeado editor da revista IEEE Transactions on Power Delivery-TPWRD, unha das publicacións de maior impacto a nivel mundial no eido da enerxía eléctrica. “Representa un recoñecemento á miña traxectoria por parte dos integrantes da maior e máis prestixiosa comunidade da enxeñaría eléctrica e, ao mesmo tempo, unha enorme responsabilidade de cara aos autores e lectores”, explica o docente, quen na actualidade exerce tamén o cargo de presidente do capítulo español da Power and Energy Society (PES), unha das 37 sociedades do Institute of Electrical and Electronic Engineering que, con máis de 250 membros, se encarga de todas as áreas relacionadas cos sistemas e equipos para a xeración, transporte, distribución e uso da enerxía.

Como integrante do equipo editorial de TPWRD Xosé Manuel López é un dos responsables do proceso de revisión dos artigos relacionados co eido dos transformadores eléctricos, a súa especialidade. “Son membro activo do IEEE Transformers Committee desde 2011 en San Diego”, explica o docente e investigador vigués. Como editor, dentro do proceso de revisión, encárgase da selección do persoal revisor máis axeitado para cada artigo, asesoralos en tempo e forma, procesar os seus comentarios e, finalmente, emitir a súa recomendación ao editor xefe relativa á idoneidade de aceptación ou rexeitamento do artigo para a súa publicación. “Ao ano procésanse máis de tres mil artigos, se ben só arredor dun dez por cento son finalmente aceptados”, explica o docente.

Entre as 25 primeiras do JCR, Journal Citation Reports

O TPWRD é unha revista clasificada no primeiro cuartil –indicador que serve para avaliar a importancia relativa dunha revista dentro do total de publicacións da súa área- do JCR, Journal Citations Reports (Web of Science). Recibe artigos relacionados con aspectos dos aparellos ou equipos eléctricos para a transmisión e distribución de enerxía relativos a innovacións en novos conceptos, deseños e métodos de proba, problemas de modelización, análise, implementación e aplicación, así como investigacións dedicadas ao desenvolvemento de estándares relacionados cos aparellos e equipamentos eléctricos. 

Previo ao seu nomeamento como editor da TPWRD, Xosé Manuel López xa viña desenvolvendo dende 2018 este papel como editor asociado para a revista Science, Measurement and Technology do Institution of Engineering and Technology, IET, da asociación de enxeñeiros do Reino Unido.