DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As protestas do movemento Fridays for Future chegaron este venres ao campus

Se non hai planeta B… haberá que coidar o que hai

Coa participación de case 200 escolares, universitarios e membros doutros colectivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/03/2019

O campus de Ourense foi este venres o escenario escollido por diferentes colectivos desta cidade que se uniron á convocatoria de folga estudantil e protesta a nivel internacional Fridays for Future, movemento que pretende concienciar sobre o cambio climático e a necesidade de tomar medidas para a sustentabilidade do planeta. Ante a convicción de que “non hai planeta b” ao que irse e “que aínda estamos a tempo”, as e os participantes nas accións levadas a cabo este venres no campus de Ourense chamaron a atención sobre a necesidade dun cambio tanto individual como colectivo para frear o deterioro ambiental.

A cita en Ourense reuniu nos xardíns universitarios, fronte á Biblioteca Rosalía de Castro, a arredor de 200 persoas entre escolares, estudantes universitarios e membros de colectivos como Sustinea e Amigos da Terra. Ao longo da hora que durou a concentración, as e os asistentes participaron nun obradoiro de pancartas de protesta na que cada persoa puido trasladar a mensaxe desexada, podendo verse lemas nun amplo abano de idiomas como “viva o planeta”, “os cartos non se respiran”, “a ferramenta máis importante para o cambio do clima es ti” ou “humanidade esperta”. Tamén houbo unha pancarta colectiva na que as e os participantes puideron deixar as súas mensaxes reivindicativas, rematando o acto cunha performance na que se representou simbolicamente a perda da biodiversidade no planeta, o crecemento do impacto do ser humano na contorna e as posibles solucións á situación actual, como o consumo responsable e a educación ambiental.  

Uníndose ao movemento internacional

A asociación Sustinea foi o enlace entre os diferentes colectivos que se achegaron ao campus para participar nesta acción. No seu nome, Susana Rodríguez explicou como con esta iniciativa se quixeron unir ao crecente movemento internacional nado inspirado nas protestas da nena Greta Thunberg fronte ao parlamento de Suecia o pasado verano. A actividade en Ourense, recalcou, xurdiu a iniciativa do voluntariado internacional que ten esta asociación ao abeiro do Programa Erasmus e ao alumnado de intercambio que está este cuadrimestre no campus de Ourense. Coa concentración celebrada este venres, indicou Susana Rodríguez, “reivindicamos que se faga algo con este cambio climático cando aínda podemos estar a tempo, reivindicamos que o sector político tome medidas máis alá da propaganda electoral, que realmente o sinta e o teña en conta, que a fin de contas necesitamos este planeta para vivir nel, non temos planeta B ao que ir”.

Entre o numeroso colectivo de alumnado estranxeiro presente no acto estaba Elena, estudante de intercambio na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense procedente de Francia. “Coas miñas compañeiras Erasmus quixemos unirnos a este movemento que se fai en tantas cidades no día de hoxe”, comentou a estudante durante o acto, facendo fincapé na importancia da sensibilización e a educación ambiental.

Xunto a estes colectivos estaba un grupo de 70 alumnos e alumnas de primeiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria do Colexio Divina Pastora-Franciscanas de Ourense, que forman parte da iniciativa do centro Ecovixiantes. “Trátase dun grupo comprometido co medio ambiente que temos no colexio e co que facemos saídas periódicas para o coidado da natureza da contorna”, indicou o seu profesor Gonzalo Sánchez. Os rapaces e rapazas, recalcou, “teñen moitas gañas de facer cousas, non queren quedar parados no tema do medio ambiente, están moi concienciados co cambio climático”, polo que, sinalou o profesor, decidiron unirse a esta convocatoria chamados por Sustinea. Entre estes rapaces estaba este venres Hugo Añel, de 12 anos, que mentres elaborara xunto aos seus compañeiros e compañeiras de centro pancartas reivindicativas salientaba como “pensamos que é moi importante o coidado do medio ambiente, temos que axudar a cambiar o que está pasando co noso planeta”.

Segundo indicaron no acto, as accións continuarán “ao longo destes meses cada venres e se non é cada venres algún venres ao mes” con actividades simbólicas, como proxeccións de documentais ou talleres, sobre os que se irá informando a medida que se peche a programación.