DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Joaquín Sueiro, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución:

“Non me parece de recibo a posibilidade de que co EEES non existan en Galicia estudos específicos de Filoloxía Galega”

O docente apunta que a saída profesional dos filólogos non ten que ir abocada á docencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D.Besadío DUVI 26/02/2008

Joaquín Sueiro (Vigo, 1958) é, dende o 2005, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, o centro máis internacional da Universidade de Vigo, onde conviven estudantes con linguas e culturas procedentes de todo o mundo. Ao tempo, falamos dunha facultade que acolle unha das titulacións máis demandadas do sistema universitario galego, a licenciatura en Tradución e Interpretación.
Tras case tres anos no decanato e, sen intención inicial de volver a presentarse a unha reelección, Sueiro fai balance da súa experiencia ao fronte da facultade.

Que valoración fai da súa experiencia como decano?
A facultade levaba varios meses desgobernada, despois de dous mandatos do profesor Domínguez estaba sen un equipo directivo, por iso catro compañeiros nos decidimos a presentar esta candidatura, pois un centro non pode estar sen equipo directivo e sen alguén que leve o día a día. O que pensamos foi contribuír a sosegar a facultade, tranquilizar o día a día, tratar de xuntar vontades, de crear climas de encontro e diálogo entre os colegas... Esta foi a nosa principal preocupación cando chegamos ao decanato,
despois o obxectivo foi mellorar os aspectos materiais da facultade, dotala de máis medios. Empezamos por renovar instalacións, dotalas de melloras técnicas, para o que contamos co apoio do Equipo de Goberno da Universidade, tanto do actual como do anterior.

A que se dirixiron os principais investimentos?
Principalmente a dotar de medios audiovisuais a todas as aulas grandes. Agora temos audio e son en todas as aulas, algo fundamental nunha facultade que ensina idiomas. Ademais, renovamos todos os equipos informáticos das aulas que os tiñan, así como a aula informática de uso libre por parte dos alumnos.
Dotamos tamén á facultade dunha magnífica aula de Informática de uso docente na que se investiron 60.000 euros. É un espazo moi versátil, no que con 50 postos se poden dividir e acondicionar dúas aulas de 25. Ademais, con cerca de 30.000 euros de investimento, púxose en marcha un laboratorio de interpretación totalmente dixitalizado.
Logo habería que falar de dotación de medios menores pero non menos importantes: acceso a discapacitados, melloras na sinalización, no sistema de calefacción do centro...
Agora están pendentes algunhas reformas, pois o edifico ten preto de corenta anos e non hai que descoidar o seu mantemento.

Como encara a facultade máis políglota do campus a adaptación ao Espazo Europeo da Educación Superior?
A facultade estivo presente en todos os programas de adaptación ao EEES. Fomos centro piloto na posta en marcha da nova metodoloxía de ensino, elaboración de guías docentes, adaptación aos créditos ECTS, etc. Agora estamos inmersos na transformación das actuais titulacións en novos graos. Estamos iniciando o proceso e o noso obxectivo é que antes de rematar o mandato teñamos feito o deseño dos novos graos para así poder impartilos no curso 2009/2010.

Como encaran o deseño destes novos graos?
No caso de Tradución e Interpretación falamos dunha titulación exclusiva no sistema universitario galego que non ofrece problemas de viabilidade, no senso de que todos os anos ten unha forte demanda e, polo tanto, a súa viabilidade está garantida.
No referido ás filoloxías, a inglesa cumpre os requisitos de alumnado,con máis de vintecinco alumnos de media na matrícula dos últimos tres anos, entón o departamento correspondente, como acontece tamén nas outras universidades, formula a necesidade de contar cun grao que podería chamarse Estudos Ingleses, Linguas Estranxeiras... ou algo similar.
No caso de Filoloxía Hispánica e Galega non cumpren os requisitos de alumnado mínimo e agora estamos a debater a posibilidade de formar un grao con estas dúas titulacións, seguindo as directrices que emanan tanto do Ministerio como da Consellería e da propia Universidade.

Non é Vigo a única que se atopa nesta situación.
Non, precisamente neste proceso de debate decatámonos de que faría falla unha coordinación superior a nós, é dicir, un traballo conxunto co resto das universidades, porque ao mellor estamos a perder unha oportunidade de especializar de verdade os estudos. Para nós non ten ningún senso volver a repetir en tres universidades Filoloxía Inglesa ou como se chame o novo grao ou, por exemplo, facer un grao mixto galego-español en Coruña e en Vigo, sería volver a repetir con outros nomes o panorama que temos.
Por outro lado, e falo a título persoal, non me parece de recibo que en toda Galicia non existan estudos específicos de Filoloxía Galega, non como itinerario de outro grao.
Agora estamos póndonos en contacto coas vicerreitorías correspondentes e cos nosos colegas das outras universidades, a ver se cabe a posibilidade de poñerse de acordo as tres universidades e facer un deseño máis racional.
En setembro terán que estar aprobados os novos plans de estudo e penso que imos ben de tempo.

Dise que os idiomas son a chave que abre as portas do mercado laboral. Que opina disto?
Por suposto, pero a min dáme a impresión de que dende fóra acéptase a idea pero non se acerta coa maneira de solucionar a carencia que ten o sistema universitario español. Eu penso, e así o propuxen nos foros correspondentes, que o ensino de idiomas estranxeiros debería estar presente en todos os currícula de todas as carreiras. Para min isto é unha obviedade pero non todo o mundo pensa igual e moitos defenden que os profesores que imparten unha determinada materia deben facelo xa en inglés, alemán ou francés.
Na miña opinión primeiro habería que capacitar tanto a estudantes como a docentes para ser capaces de impartir e recibir unha materia nunha lingua estranxeira pero, mentres tanto, e así nolo indican os representantes do ámbito laboral, a carencia de formación en idiomas dos nosos titulados universitarios é unha das principais eivas á hora de atopar traballo e de responder ás necesidades que ten o mercado laboral. É básico que os nosos biólogos, químicos, enxeñeiros, avogados... saian da facultade dominando unha lingua estranxeira.

A adaptación ao EEES sería unha boa oportunidade para logralo.
Habería que chegar a un acordo, como mencionei non todas as persoas implicadas están polo labor de abordar no propio plan de estudos esta carencia. Estas persoas defenden que debe ser o propio estudante quen, a maiores, curse formación en idiomas estranxeiros. Eu penso que isto xa existe e non funciona, por iso, a miña demanda de que estea no plan de estudo, ven en primeiro ou como optatividade, pero presente dalgunha maneira en todas as carreiras.
A nós chégannos demandas do mundo da empresa da necesidade de que os titulados saiban redactar e falar correctamente en español e galego. Xa non me atrevo a propor unha materia obrigatoria pero si unha optativa que aborde a redacción de textos xurídicos, económicos, sanitarios... De feito agora ofrecemos materias de libre elección de redacción de textos xurídicos e técnicos que son moi ben acollidas polos alumnos das enxeñarías e de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Trátase de conseguir unha mellora na súa competencia lingüística, oral e escrita, nas súas propias linguas.

Curso a curso repítense as cifras e esta facultade sempre é o centro con máis alumnos estranxeiros. Que lle aportan á facultade?
O que pode aportar o encontro de mozos e mozas procedentes de diferentes países, sobre todo un gran enriquecemento cultural. Somos un centro moi internacional e isto e algo que gusta. É lóxico que os estudantes desta facultade viaxen pois estudan idiomas e, ao tempo, tamén somos referencia para o estudo do español, tanto cos cursos de español para estranxeiros como coa presenza de Filoloxía Hispánica. Hai que ter en conta que fóra das nosas fronteiras hai unha tremenda demanda de profesionais da docencia en español.

Filoloxía tamén é centro de referencia en número de alumnos maiores de cincuenta anos.
Certo, temos a satisfacción de ter aulas de maiores con enorme éxito. Así mesmo, moitos dos que veñen facer os programas de maiores despois interésanse moito polo estudo das linguas e as literaturas e matricúlanse nos cursos ordinarios. Contar con estudantes de moi diferentes xeracións enriquece tamén de maneira considerable á facultade.

Cambiando de terzo, como está o mercado de traballo da tradución en España.
Obviamente o mercado non vai demandar tantos profesionais como saen das aulas. Estamos detectando que, unha vez cuberto o mundo editorial, dos medios de comunicación, organización de congresos e eventos, etc. moitos dos nosos titulados derívanse ou ben cara ao ensino ou cara o ámbito da empresa, onde o dominio de dous idiomas estranxeiros segue a ser unha tarxeta de presentación moi boa á hora de colocarse.

E no caso das filoloxías.
Nas filoloxías é importante non limitarnos á docencia como posibles campos de traballo. Os licenciados en artes e humanidades son profesionais válidos para moitos outros aspectos, un licenciado en filoloxía pode ter unha presenza moi importante no ámbito da empresa privada. Aínda a semana pasada unha colega me manifestaba que directores de bufetes de avogados e de axencias de seguros reclaman a presenza deste tipo de titulados, xa que están máis preparados para redactar documentos, facer intervencións orais, dirixir grupos...
Temos que cambiar o “chip”, a saída profesional dos filólogos non ten que ir abocada á docencia. De todas maneiras, a demanda de profesorado en Secundaria vai aumentar. Estamos nunha época na que o ensino non demanda tantos profesionais como é capaz de subministrar a universidade. A finais dos setenta principios dos oitenta foi cando se xeneralizou a ensinanza secundaria con carácter obrigatorio e creáronse multitude de institutos. Isto supuxo que nesta época houbese unha grande demanda de profesionais para facer fronte a esa necesidade. Hoxe estes profesores están na cincuentena e nós prevemos que para a xubilación destes profesionais, nos próximos oito ou dez anos vai haber de novo unha forte demanda de persoal cualificado para cubrir estes postos.
Non temos por que ser pesimistas, o importante é que os nosos titulados sexan versátiles e dinámicos.

En outubro finaliza o seu mandato como decano. Baralla a posibilidade dunha nova presentación?
Non, o que non quere dicir que non faga unha valoración moi positiva do tempo que levo como decano, pero son moitas horas de dedicación. Isto non está mal porque na vida profesional moitas veces tes que prestarte a facer cousas pensando nun servizo aos demais, pero conleva deixar de facer moitas outras cousas que ata entón viñas facendo, sobre todo, no referido ao campo da investigación e os congresos. Ademais, creo que é bo que veñan outros, con novas ideas e novos proxectos.