DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Manuel Cid, decano de Ciencias da Educación:

"Un non é mellor profesor por usar o power point. A cuestión é como implicar, como motivar"

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 17/01/2008

Xosé Manuel Cid conta cunha dilatada carreira nas aulas. Comezou a dar clases en 1979 no Colexio Universitario de Ourense, onde tamén foi director. Pasou a ser despois decano de Humanidades e vicerreitor de Extensión Universitaria. Dende a creación da Facultade de Ciencias da Educación en 2001 exerce de decano, cargo que está a piques de abandonar. Investigador incansable, destacan os seus traballos sobre maxisterio republicano en Ourense, a educación para a paz e intercultural e os ámbitos de traballo dos educadores sociais.

Tras tantos anos como leva traballando como docente, atopa vostede diferenzas entre os seus primeiros alumnos e os de hoxe en día?
Si, hai unha diferenza fundamental que é o número dos alumnos por clase. Cando empezamos no Colexio Universitario eramos unha pequena familia. Tiñamos catro titulacións, Historia , Psicopedagoxía, Química e Bioloxía, pero entre todos non pasaban dos 400 alumnos e entón nos coñecíamos todos, incluso co outro centro, a Escola de Maxisterio porque todos os días nos viamos na biblioteca. Nas clases había grupos de entre cinco alumnos os máis pequenos ata os máis grandes que chegaban a 50 o que permitía un contacto moi personalizado. O que agora queremos implantar co Espazo Europeo a nós era moito máis fácil facelo hai 30 anos que agora que hai grupos de ata 180 alumnos. Ou se aposta por grupos de 30-40 alumnos ou non chegamos nin a coñecelos.

Fala do número de alumnos por aula pero a nivel cualitativo, como eran os estudantes de antes?
Daquela había un alumnado un pouco máis maduro, moitas veces por idade. Sempre había en cada clase persoas que xa eran profesionais e viñan facer unha segunda titulación, ás veces eran incluso a metade dos alumnos. Eran xente moi activa e puñan un nivel de debate ideolóxico que agora non existe. Viviran o franquismo e atopaban cunha nova etapa de liberdades polo que o debate ideolóxico era moi profundo. Neste momento hai máis información pero menos capacidade para dixerila. Hai demasiadas fontes pero non hai a mesma profundidade de reflexión ou de debate que antes. Sen embargo tamén observas que cando estás cun grupo máis pequeno as preocupacións son as mesmas porque somos seres humanos e nada nos é indiferente.

 

Ao marxe das connotacións políticas que sempre suscita o tema da Educación, onde cree que está o principal problema do sistema?
O maxisterio atopou un refuxio na falsa idea de ser obxectivos, e ese é o gran mal. E a educación integral non é só da familia e a escola só das materias. Iso é un erro terrible. Hai máis oportunidades educativas que nunca pero falta a vertebración das institucións, que todas conduzan a un mesmo fin e que se coordinen para unha educación integral de calidade. Tamén falta moito a nivel de inversión en formación do profesorado. Melloramos a nivel tecnolóxico pero un non é mellor profesor por usar o power point. A cuestión é o fondo, como implicar, como motivar. Os mestres deberían decidir en que se queren seguir formando e máis que nova formación deberían ter máis contacto entre eles, oportunidades para compartir experiencias.

Como vostede comenta, os problemas da educación comezan na primeira infancia. Despois cando os nenos medran e chegan á Universidade, veñen realmente tan mal preparados como se di?
Non, eu non comparto esa idea. O que ocorre é que temos que saber valorar en cada nivel cal é a formación que trae o alumnado, en que está interesado e en función deso aproveitalo e non tratar de meterlle 50 ciencias para que as aprendan en tres anos. Tampouco hai que desprezalo, pero hai que entroncar o que se ensina co que se trae de atrás e co que se vai facer no futuro. O alumno non chega analfabeto, vén dunha experiencia previa que como digo, é máis rica que nunca. Hai moitos factores que poden incidir pero eu nunca diría que estamos fatal senón que as veces un incidente negativo illado dá a volta ao mundo e un positivo non ten interese.

Pensa que isto explica o aumento do fracaso escolar?
A consecuencia final da falta de motivación é iso. O combate ao fracaso escolar iría na liña de que toda persoa, chegue ao nivel educativo que chegue, que o faga con satisfacción. Se aos 16 anos queres deixar de estudar e estás satisfeito, cun horizonte laboral claro e ademais de traballar segues a formarte porque tes os requisitos básicos de lectura, escritura e cálculo e non deixas de practicalo non fracasaches. Pero o que non se practica se esquece. O fracaso é se tes a expectativa de ser médico e non es capaz de superar a ESO. Sobrevaloramos certas cousas e fixamos uns horizontes cun camiño tan longo que custa moito chegar. O que obtén éxito é o que chega ao nivel educativo que lle apetece chegar cuns recursos básicos para levar unha vida digna laboralmente e persoalmente.

Que papel xoga a vocación na elección dunha profesión como a de mestre?
Eu creo que hai unha tendencia dende novos a querer ser aquilo que te gusta, ou ben porque coñeces algún profesional que tomas como modelo pero moitos condicionantes ao longo da vida. Se hai vocación dende logo non é innata pero si que se configura dende moi pronto. Aquelas persoas ás que lle gusta a infancia en xeral van dar a priori mellores educadores que aquelas outras ás que non lles gusta por cuestións de predisposición, pero despois, cunha formación axeitada calquera pode facelo ben.

Pensa que os estudos de maxisterio están desprestixiados pola súa baixa nota de corte e a súa aparente facilidade?
O da nota de corte é unha opción. Depende do número de persoas que entren nunha titulación. Maxisterio nesta última reforma dotouse de 7 especialidades nas que entra moitísima xente. É difícil que alguén que quere estudar Maxisterio non entre na Universidade. O que ocorre é que é unha carreira que a xente estudia non necesariamente para exercer de mestre, senón para ter uns formación integral universitaria que lle serva para desempeñar outras funcións na vida. É unha carreira útil porque segue a ter todos os ámbitos científicos. Por outro lado, non polo feito de que entre moita xente ten que baixar o nivel. O reto do EEES nos levará a formar un número de mestres máis pequeno de xeito de que se poida traballar con reducidos para darlles unha mellor formación e que haxa máis titulados que traballen no mundo educativo para encher as escolas do país de xente con outra preparación e outra mentalidade.

Falaba antes de algúns cambios que espera que traia consigo a adaptación ao EEES. Na súa facultade estanse a realizar proxectos piloto de implantación do ECTS, cales son estes exactamente e que balance fai deles?
Temos xa tres titulacións con proxectos piloto das sete que hai no centro e non sei se o ano que vén implantaremos algún máis. A experiencia está a ser moi difícil polo número de alumnos e moi importante porque o profesorado vaise exercitando nas esixencias que ten. Temos feito as guías docentes coas súas publicacións correspondentes para cada curso que se implantou completo. Hai que adaptar os horarios, as actividades conxuntas entre materias para coordinalas. E tamén adaptar a guía docente de cada materia revisando os contidos porque nos atopamos con que materias de 12 créditos se teñen que dar en 6 ou 4,5 e non sabes que temas quitar pero hai que priorizar e adaptar os contidos ao calendario que tes. Estamos con ese reto pero desexando, sobretodo, que se nos diga o número de alumnos.

E para finalizar, parece ser que se retira como decano despois de moitos anos ao fronte da Facultade, que balance fai desta etapa que remata?
Si, tocou retirarme. É un momento no que hai que seguir activos porque é o tránsito ás novas titulacións e é apaixonante que as que eran de tres anos pasen a catro e cunha vinculación moito maior coa práctica. Poder retomar o modelo formativo da 2ª República que era moi parecido é moi estimulante e faime ilusión colaborar e aportar todo o que se poida. Sen embargo, ao que é estrictamente a xestión como decano lle hai que ir poñendo punto e final mesmo por saúde democrática. É importante que outras persoas teñan opción de presentar o seu proxecto para dirixir a facultade.

E que plans ten para o futuro?
Vou colaborar con Suso Jares nos actos de conmemoración dos 25 anos de Educadores para a Paz, tamén no libro que está a elaborar. Ademais retomarei algunha liña de traballo sobre mestres da República. Despois dalgunha biografía que fixen no libro de Memoria da Escola que acabamos de publicar en Edicións Xerais, teño un par de pistas para homenaxear e escribir sobre outros represaliados, entre eles Antonio Caneda, Francisco Sierra ou Alfonso García Rojo.
Nas clases, intentar seguir innovando. Tratarei de implicar cada vez máis aos alumnos na experiencia de Ponte nas Ondas, para recuperar, valorar e conservar o patrimonio cultural inmaterial.