DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Emmanuel Claude Bourgoin Vergondy aposta na súa tese por xeralizar o concepto de parainterpretación:

“Non podemos exercer a tradución e a interpretación no medio social sen recoñecer e entender ao migrante”

O investigador sostén que non se recoñece o dereito á interpretación no eido da saúde

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/09/2019

As sociedades monolingües do pasado convertéronse na actualidade en contextos plurilingües e pluriculturais, pero esas contornas diversas xeran tamén dificultades de comunicación para certos colectivos que non dominan a lingua do lugar no que residen. É neste contexto no que a tradución e a interpretación “teñen sentido nos medios sociais, como a xustiza, a saúde e a educación, onde se atopan diferentes linguas e culturas”, como explica o investigador Emmanuel Claude Bourgoin Vergondy. É precisamente na Tradución e Interpretación en Medios Sociais (TIMS) no que centra a súa tese de doutoramento, na que ademais aposta por materializar un novo termo: a parainterpretación, en paralelo ao concepto, xa estendido, de paratradución. O docente da Facultade de Filoloxía e Tradución desenvolveu tres niveis de análise “para demostrar que existen na marxe da TIMS elementos que teñen igual ou mesmo máis importancia que os textos e discursos cos que traballa un tradutor intérprete”.

A tese, dirixida polo profesor José Yuste, ten como obxectivo demostrar que a TIMS “é unha realidade profesional a nivel mundial que se atopa en diferentes fases de implementación e recoñecemento en función de cada país”. O investigador presta especial atención aos países francófonos, “onde o papel desempeñado polo mundo asociativo e as ONG é primordial”, polo que xorden moitas contornas de tradución ou interpretación social. 

Ademais, Bourgoin Vergondy puxo o foco de xeito especial no eido da saúde e explica que a colaboración con ONGs como Médicos del Mundo ou Tierra de Hombres, “introduciunos na problemática das persoas estranxeiras” derivada da  barreira do idioma e, a miúdo, descoñecedoras dos seus dereitos e obrigas coas administracións da saúde. “Estas experiencias fixéronnos comprender a realidade duns colectivos sometidos a unha desigualdade da que pouco se fala”, unha realidade na que os procesos de tradución son “maioritariamente orais, é dicir, son de interpretación”. 

Tradución e interpretación onde máis falla fai

Dada a cantidade de titulados e tituladas no eido da tradución e interpretación que saen á súa cada ano e dada a cantidade de colectivos que precisan dos seus servizos, “pareceunos lóxico e natural emprender un traballo de investigación que axude a fomentar e instaurar oficialmente este exercicio profesional nos espazos onde máis dificultades atopan os colectivos alófonos: xustiza, saúde e educación”. Neste sentido, remarca o investigador que o tradutor-intérprete debe coñecer tanto as institucións coas que traballar como “coñecer e comprender ao migrante, xa que o exercicio da tradución e da interpretación en medio social, non todo se reduce ao texto ou ao discurso, ás leis ou regulamentacións, primeiro é necesario comprender os movementos migratorios”.

Neste sentido, as principais conclusións da tese pasan pola constatación de que “non podemos exercer a TIMS sen recoñecer e entender sobre todo ao migrante, a súa cultura, o seu construto identitario ou a súa experiencia exílica”. Resume o investigador que para que poida haber diálogo entre culturas e que estas sociedades avancen cara a transculturalidade e o entendemento lingüístico, cultural e identitario, “o papel do tradutor e interprete en TIMS é esencial”. 

Os baleiros no eido da saúde

Atendendo especificamente ao ámbito da saúde, Bourgoin Vergondy considera que “comparado co espazo da xustiza, hai un baleiro de recoñecemento legal do dereito á tradución e á interpretación para calquera paciente que non fale castelán ou o idioma da comunidade autónoma onde reside”. E é que na xustiza estase a aplicar unha directiva europea (2010/64/UE) que recoñece o dereito a un/a tradutor/a intérprete. Se este tipo de medidas se trasladase á sanidade, explica, “significaría un avance en materia de acollida e integración dos colectivos migrantes e abriríalles as posibilidades de traballo a moitos egresados en tradución e interpretación”. Con todo, lembra que existen xa algúns servizos deste tipo en España, pero son “escasos e non contan con pautas e protocolos, e aínda menos con recoñecemento legal como o que ten en xustiza”. 

Parainterpretación 

Outro dos puntos clave do estudo de Emmanuel Claude Bourgoin Vergondy é o concepto de parainterpretación, un termo que nace, explica, coa finalidade de “poñer en evidencia as marxes da interpretación”. Lembra que hai aspectos tan importantes como o texto que gravitan ao seu redor, como as imaxes que o ilustran, o papel do maquetista que decide a portada da tradución ou os discursos que existen sobre o acto de traducir. Estes son elementos aos que “hai máis de quince anos non se lles daba a importancia que merecen, ata que en 2005 se presentou a tese Xoán Manuel Garrido, dirixida polo profesor Yuste, que deu lugar ao nacemento dunha noción que os ampara, a da paratradución. Esta fai fincacapé en que tamén existen eses aspectos no proceso da interpretación, xa que “evidenciamos a presenza de suficientes elementos que, nas marxes da interpretación, se poden estruturar nos tres niveis da análise paratradutiva”.