As persoas interesadas poden inscribirse ata o venres 26
Normalización Lingüística abre a matrícula para seis novos cursos de galego en liña
No 2024/2025 participaron nestas actividades máis de 200 persoas
A Área de Normalización Lingüística ten xa aberta a matrícula para os cursos do primeiro cuadrimestre, seis propostas de formación en liña que se levarán a cabo fundamentalmente durante os meses de outubro e novembro. O curso pasado participaron nestas actividades máis de 200 persoas e a previsión é que este ano se acaden cifras similares. As persoas interesadas poden inscribirse ata o venres 26, a oferta inclúe desde un obradoiro oral de 15 horas de duración ata outras alternativas máis específicas nas que se abarcan cuestións de sociolingüística e de léxico.
Iniciación á lingua galega
O curso de Iniciación á lingua galega, de 40 horas de duración, está destinado aos estudantes de programa de intercambio que desexen mergullarse nunha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego. A docencia desenvolverase, en modalidade virtual síncrona, entre o 2 de outubro e o 20 de novembro. Entre outros contidos coñecerán xeitos de saudar e presentarse, conceptos e expresións sobre hábitos e oficios, costumes culinarios etc. así como nocións sobre léxico, tempos verbais, gramática...
Os erros máis frecuentes na lingua galega
O catálogo de cursos inclúe tamén unha proposta centrada nos Erros máis frecuentes na lingua galega. Ao longo das súas 30 horas de duración, do 1 ao 31 de outubro, as e os asistentes repasarán a ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo e aprenderán a corrixir os erros máis frecuentes nos escritos. A proba final terá lugar o 5 de novembro en modalidade virtual.
Calidade lingüística na universidade
No caso do curso A calidade lingüística na universidade, de 30 horas, vai dirixido a mellorar a calidade da lingua; afondar nos parámetros de redacción e fomentar o uso do galego. Impartirase entre o 3 e o 28 de novembro e a proba final será o 3 de decembro.
Obradoiro de lingua oral
A oferta de cursos inclúe un obradoiro de lingua oral destinado a todas as persoas interesadas en mellorar a súa expresión oral en lingua galega. Con 15 horas de duración, levarase a cabo entre o 4 de novembro e o 2 de decembro a través de clases telepresenciais os martes de 18.15 a 20.15 horas. Nestes encontros abordaranse cuestións relacionadas coa pronuncia, a entoación, a fluidez lectora ou a corrección de erros habituais na fala.
Galego hoxe
Con 40 horas de duración, o curso Galego hoxe vai dirixido a mellorar os aspectos ortográficos necesarios para escribir correctamente en galego e adquirir os recursos precisos para corrixir os empregos incorrectos da lingua. Desenvolverase ao longo do mes de outubro e a proba final será o 4 de novembro.
Cuestións de sociolingüística e de léxico
Do 4 ao 28 de novembro levarase a cabo un curso específico sobre cuestións de sociolingüística e de léxico, unha proposta dirixida a fornecer ferramentas para a mellora léxica do galego e a reflexionar sobre diferentes aspectos sociais, legais e prácticos sobre a lingua galega. O exame final será neste caso o 2 de decembro.
