DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As mellores propostas editaranse nun libro e recibirán cadanseu premio de 200 euros

Normalización Lingüística lanza un novo premio no que reta o alumnado a reflexionar sobre a lingua galega en 2050

Poden enviarse propostas ata o vindeiro día 22 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 21/02/2022

Como cren as alumnas e alumnos da UVigo que estará a lingua en 2050? Como lle gustaría que chegase a esa data? Estas son as dúas preguntas ás que deben responder o alumnado que se anime a participar no Premio A lingua galega en 2050, unha nova iniciativa posta en marcha desde a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo co obxectivo de promover a reflexión prospectiva sobre a situación social da lingua galega a mediados do século XXI a partir de propostas ensaísticas, literarias ou de divulgación científica escritas polos estudantes.

Os traballos mellor considerados polo xurado, composto por persoas de recoñecida traxectoria na sociolingüística galega, recibirán cadanseu premio de 200 euros e, ademais, serán publicados nun novo volume do libro A lingua galega en 2050, unha obra coordinada polo propio director da ANL, o profesor Fernando Ramallo, e publicada hai apenas uns meses por Catro Ventos Editora. Nese primeiro volume do libro participaran 25 profesionais para os que o galego é o seu vehículo de expresión artística, obxecto de estudo académico ou materia de xestión política, entre eles nomes tan recoñecidos como o recentemente falecido Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Rexina Vega, Xosé-Henrique Costas, Pilar García Negro, Henrique Monteagudo, Xosé Luís Axeitos, Valentín García, Teresa Moure ou o propio director da ANL, entre outros. “Todas estas persoas levamos moitísimos anos traballando sobre a lingua, pero todos superamos os 50 anos e faltaba a visión da xente nova”, apunta Ramallo, ao que engade que “aí é onde xurde a idea de facer o concurso”.

O futuro do galego desde o punto de vista da xuventude universitaria

A través desta nova convocatoria de premios sumarase a esta iniciativa o punto de vista da xente máis nova, o alumnado universitario, persoas que na súa maior parte teñen entre 18 e 30 anos. “Queremos saber como ven o galego no 2050 aquelas persoas que están agora a incorporarse como falantes de galego, os galegofalantes ou tamén as persoas que falan castelán... O importante é acadar unha visión real e actual de como cren que estará o galego e como lle gustaría que estivese”, explica o director da ANL, ao que engade que, as persoas que pertencen a este grupo de idade son tamén aquelas que “van ter a oportunidade de pór en marcha o galego, por exemplo, á hora de formar as súas propias familias”.

A convocatoria está aberta a todas as alumnas e alumnos matriculados este curso nalgún grao, mestrado ou programa de doutoramento da Universidade de Vigo e só se poderá presentar un orixinal por persoa -identificada cun lema, alcume ou pseudónimo-. Deben ser textos inéditos, non premiados noutros certames e cunha extensión de entre 1200 e 2000 palabras. Desde a ANL, animan a participar a todas as alumnas e alumnos interesados e agardan que non se entenda que a lingua é unha cuestión “dos de humanidades ou dos de ciencias sociais, xa que, en absoluto é así. O importante é que se poñan a pensar sobre o futuro do galego, independentemente, de que teñan máis ou menos hábito de escribir”, recalca Ramallo.

Entrega de premios na celebración do Día das Letras Galegas

Convocado ao abeiro do convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia para a promoción da lingua galega, a entrega de premios farase coincidir co acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2022 ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). Será unha festa das letras nas que os gañadores e gañadoras deste novo premio coincidirán tamén cos gañadores dos tradicionais Premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade de Vigo.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo para presentar os seus traballos ata as 14.00 horas do vindeiro 22 de abril. Nas bases do certame poden consultarse os detalles da convocatoria.