DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os TFG e TFM deberán ter unha cualificación mínima de notable

Normalización Lingüística premiará o uso do galego nas teses e traballos de fin de grao e mestrado

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de agosto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Académica
DUVI 26/07/2019

Premiar o esforzo e o rigor de lle dar un tratamento coidado ao idioma e incrementar o patrimonio dos textos redactados. Estes son os obxectivos principais da convocatoria de axudas para redactar e defender en galego teses de doutoramento e os premios á calidade lingüística nos traballos fin de grao e fin de mestrado que impulsa a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Así, recibirán unha achega todas as teses presentadas en galego ata o 30 agosto e os 15 TFG e 10 TFM que destaquen pola súa calidade lingüística.

Esta estrutura supón un cambio significativo respecto de anteriores edicións desta convocatoria, na que se outorgaban pequenas axudas a practicamente todas as persoas que o solicitasen. De feito, na pasada edición presentáronse 204 solicitudes, das que tan só unha foi denegada, outorgándose dúas axudas a teses, 137 a traballos fin de grao e 74 a traballos fin de mestrado. Nesta nova convocatoria, e tendo en conta a obrigatoriedade dos traballos fin de grao e mestrado, a Área de Normalización Lingüística decidiu apostar pola calidade, convertendo as axudas  para os TFG e TFM en premios á calidade, ata un total de 25 entre ambas categorías.

En total, destínanse 12.000 euros  ás tres modalidades destas axudas que se repartirán en achegas de 600 euros para as autoras e autores da teses en galego e ata un máximo de 400 euros para traballos fin de grao e de mestrado. En todo caso, a comisión avaliadora, formada polo director da ANL, Fernando Ramallo e as dúas técnicas deste servizo, garantirá dous premios por rama de coñecemento en grao e un premio por rama no que se refire ao mestrado. Nestes casos, é requisito imprescindible ter unha cualificación mínima de notable ou 8 puntos.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de agosto.

Criterios de avaliación

A comisión avaliadora encargarase de seleccionar os traballos presentados de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). Para este labor atenderán a criterios como o coñecemento da gramática (40 %), a calidade na redacción (20 %), o uso correcto da terminoloxía especializada (20 %), o emprego da linguaxe inclusiva (10 %) e a ortotipografía (10 %). Terán prioridade os premios adxudicados ás teses de doutoramento.

Ademais destas axudas, as persoas interesadas en redactaren e defenderen a tese de doutoramento, o traballo de fin de grao ou o traballo de fin de mestrado en lingua galega poden tamén solicitar axuda e asesoramento á Area de Normalización Lingüística tanto para consulta lingüística e terminolóxica como na corrección das teses.

Bases da convocatoria