DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen Pérez de Andrés, subdirectora do Museo do Traxe en Madrid:

“A nosa intención é transmitir a historia da moda sendo o máis asépticos posible”

A experta en conservación participou na quinta sesión de “Os Xoves de Moda”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 11/04/2008

Como unha "fonte ilimitada de información sobre o téxtil”. Así definiu Lola Dopico, directora da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), o papel que se fai cada día desde o Museo do Traxe de Madrid e que explicou detalladamente a súa subdirectora, Carmen Pérez de Andrés, na quinta sesión de Os Xoves de Moda. Despois do interesante percorrido que ofreceu esta especialista en conservación polos aspectos máis descoñecidos do museo e que non se expoñen ante os ollos do público, os alumnos de Esdemga xa están buscando un oco na súa axenda para ir a visitar in situ esta entidade dedicada ao mantemento e á exposición de indumentaria.
Desde o intre no que chegan as pezas ata a súa exposición nas vitrinas, hai todo un proceso de preparación que permite amosar as prendas do xeito máis seguro para evitar o seu deterioro e achegando a realidade da época correspondente en cada caso. Segundo comentou Pérez de Andrés, “a nosa intención é transmitir a historia da moda sendo o máis asépticos posible, por iso os nosos maniquíes non teñen brazos, nin pernas, nin cabeza”. A maioría das pezas que chegan ao museo están bastante deterioradas e, ao ser de materiais orgánicos, son susceptibles á humidade, á luz e a calquera axente externo. “Hai prendas do século XVIII que precisan de meses de restauración, mentres que outras máis contemporáneas están como novas”, dixo a subdirectora, ao que engadiu que “as máis complicadas son as de alta costura anteriores aos anos 40, pola cantidade de incrustacións que teñen”.
Tal como comentaba a convidada, amosar moda non é o mesmo que expor cadros ou esculturas, “é moito máis complicado” e incluso existen unhas normas internacionais de conservación de indumentarias, segundo as cales un mesmo traxe non poder estar exposto máis de 12 meses, o que obriga a mudar as coleccións constantemente. “No Museo do Traxe xa renovamos o 80% das pezas, e seguimos traballando para aumentar esta cifra”, subliñou Pérez de Andrés.

Máis de 20.000 pezas

Actualmente o museo conta con máis de 20.000 pezas repartidas en cinco categorías: histórica, tradicional, Fortuny (unha cesión de Inditex), alta costura e moda contemporánea e complementos, xoias e tecidos planos. Na súa maioría son cedidas por particulares ou institucións, como o acordo que lles permite obter cada ano unha peza das coleccións dos deseñadores de Cibeles, aínda que “as veces temos que comprar prendas para cubrir épocas que están máis desatendidas”, destacou Carmen Pérez de Andrés na súa intervención. Cada unha delas é estudada minuciosamente para extraer a máxima información posible e poder tratalas adecuadamente.

Catro anos de vida?

Como explicou a súa subdirectora, o Museo do Traxe tal e como se coñece hoxe, celebra este mes catro anos de vida, sen embargo a súa historia vai moito máis aló. O proxecto xurdiu a raíz de unha exposición de traxes rexionais e históricos no ano 1925 cando, ao remate da mostra, se lle propuxo aos donos das coleccións que as doaran para crear un museo do traxe rexional e histórico. A partir de aí houbo moitos cambios, incrementáronse os fondos con obras etnográficas e mudaron os nomes ata que no ano 2002 decídese fomentar a colección de indumentaria e no 2004, volve a idea orixinal do Museo do Traxe pola innegable riqueza de esas obras. En atención ás numerosas prendas herdadas engádeselle un subtítulo ao nome: Centro de Investigación do Patrimonio Etnolóxico, “que fala do respecto ao patrimonio etnográfico e da vontade de continuidade e integración”, comentou Carmen Pérez de Andrés na charla ante os estudantes de Esdemga.
Respecto ao futuro que lle depara á institución, a súa subdirectora dixo que xa está en proceso a substitución do actual museo por un Centro Nacional de Moda, que dará prioridade ao deseño a partir dos anos 80.