DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática:

“O noso obxectivo estratéxico é a incorporación dos nosos alumnos á empresa privada”

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 06/02/2008

Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática estudou, curiosamente, Empresariais. Non sorprende, polo tanto, o seu desexo de encamiñar aos alumnos cara o mundo profesional e en concreto para afrontar con garantía e competencias suficientes o traballo na empresa privada. Trala recente creación do Colexio Profesional de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática e a firma dun convenio para financiar o primeiro máster da ESEI, Barreiro analiza o panorama da Escola que dirixe.

Neste momento cales son as principais liñas de traballo da Escola Superior de Enxeñaría Informática?
En primeiro lugar e immersos no proceso de adaptación ao EEES, temos que facer unha boa proposta de formación para o grao en Informática. Tamén estamos a comezar co noso primeiro posgrao, o Máster en Consultoría de Software Libre, e a poñer en marcha o sistema de garantía de calidade que se está a implantar nas universidades, o FIDES, vemos como se podería mellorar e como rexistralo. A parte disto, estamos reestruturando as infraestruturas porque sobran laboratorios e fan falta seminarios, xa que no EEES dáselle moita importancia á docencia en pequenos grupos.

Que supón para a ESEI contar con este posgrao?
É o primeiro máster que se organiza aquí, polo que a súa importancia xa non é só o que significa para a oferta en si do centro, senón tamén para as posibilidades que trae consigo para os nosos alumnos e ex alumnos. Agora a niversidade non é exclusiva do segmento entre 18 e 23 anos ao que tradicionalmente están orientados os graos, senón que ten que ampliar o seu abano e formar a xente ao longo de toda a súa vida laboral. Neste aspecto os posgraos son fundamentais porque permiten actualizar os coñecementos dos ex alumnos que xa están traballando. De todos xeitos, o máster aínda non está presentado porque falta a confirmación da Consellería, pero xa temos un acordo con Tecnocom para financialo se é aprobado. Entendemos que si se vai facer porque xa pasou o control de calidade pero a lista final de posgraos para o ano que vén sairá en marzo.

Que é exactamente o software libre e cal é a postura da Escola ao respecto?
O primeiro que hai que dicir é que o software libre non é software gratis. É un modelo de desenvolvemento de software e de explotación que é totalmente diferente ao modelo imperante, o modelo propietario. No propietario hai que mercar as licencias, pagar por un paquete para instalalo e pagar tamén polas actualizacións ou os cambios de versión. Ademais, non se ten a posibilidade de realizar cambios nos programas. No modelo libre o software unha vez adquirido pasa a ser propiedade absoluta do usuario que ten o código fonte e pode modificalo e adaptalo ás súas necesidades sen pagar licencias. O cambio de paradigma entre ambos modelos é que no propietario o software enténdese como un produto que se merca, mentres que no libre o software é un servizo. Instalas o software e contratas para que o manteñan pero como é teu non estas atado a ninguén. Este modelo ten o seu mercado e é cada vez máis importante, pode ser alternativo nalgúns casos pero son modelos complementarios, cada un ten o seu mercado natural e non son excluíntes para nada.

Dende diferentes grupos reclámase a creación dunha Oficina de Software Libre para a Universidade, como está o proxecto?
Lévase perseguindo dende fai tempo e dende a Consellería de Industria hai moito interese en que as tres universidades galegas conten cunha oficina de software libre. Na Coruña xa a teñen dende hai tempo, Santiago acaba de creala e en Vigo estamos á expectativa de ver como se materializa un convenio no que está a traballar a Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade coa Consellería.
Nós xa desenvolvemos un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial para facer un almacén de aplicacións de xestión empresarial. Cando alguén quere coñecer que hai exactamente en software libre non ten onde buscar en concreto. Hai páxinas web nas que cómpre unha busca realmente complicada. Tratamos de facer un almacén accesible onde a xente poida coñecer o tipo de aplicacións que existen. Agora queremos avanzar e presentarlle aos empresarios o que hai e a Universidade de Vigo é unha institución moi axeitada para difundir esta información. Neste eido enmarcaríase a Oficina de Software Libre que tamén tería funcións de difusión dentro da sociedade en xeral. Creemos que coa implicación que tivo a ESEI no tema, Ourense é o sitio axeitado, ademais a Confederación de Empresarios está moi interesada, hai un caldo de cultivo moi interesante que hai que aproveitar.

Recentemente foron creados os Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos Informáticos, que supón para a profesión?
É a nova máis importante en cuestión de enxeñaría informática deste ano. Somos unha enxeñaría atípica porque non temos atribucións profesionais por lei. Levamos moitos anos loitando para que os políticos e a sociedade en xeral se decaten de que se para facer un proxecto dunha ponte ten que ser enxeñeiro ou arquitecto e ninguén recorre a afeccionados, tamén desenvolver aplicacións informáticas e xestionalas precisa un profesional cos coñecementos e a preparación axeitados. O “erro informático” engloba todo tipo de catástrofes pero hai que ver que é exactamente e quen estaba ao cargo desa aplicación informática. Por outro lado, os enxeñeiros informáticos deberían ter unha responsabilidade civil porque deles depende non só moito diñeiro senón, ás veces, tamén vidas humanas. Os colexios profesionais nacen para isto, para reclamar unha responsabilidade civil que cubra as costas dos enxeñeiros ademais de para eliminar o intrusismo e reclamar as atribucións profesionais correspondentes.

Cara onde se encamiña o futuro das Tecnoloxías da Información e Comunicación, TIC?
Os cambios nos últimos dez anos son asombrosos, non vivimos sen os móbiles, o correo electrónico ou as webs. O desenvolvemento tecnolóxico non se mantén constante e está acelerándose continuamente, polo que xunto coa tecnoloxía máis tradicional como a informática ou as telecomunicacións haberá outras novas como a nanotecnoloxía, a enxeñaría xenética ou a bioinformática que agora comezan a emerxer e que configurarán os vindeiros anos. A información está en todos os aspectos da nosa vida, todo xera información e todo é provocado pola información pero aínda estamos aprendendo a xestionala. Cando a sociedade sexa capaz de producir coñecemento a partir de toda a información que produce vai ser irrecoñecible.

Pese a que os datos de matriculados en xuño non eran moi favorables, en setembro houbo unha subida moi significativa de alumnos, que lectura fai deste feito?
Sorprendeume bastante porque setembro non é un mes do que un espere grandes cousas no que a matrículas se refire. Penso que se comeza a ter en conta que o feito de que estudar unha carreira tecnolóxica é unha boa idea porque se agarda unha demanda futura. A empresa española ten un problema de productividade, síntoma de que non se están a utilizar as novas TIC, que son as que permite medrar a un país. Moitos sectores xa o asumiron e as PEME's están asumíndoo aínda agora, porque estamos a bastante distancia da media europea. Nas pequenas e medianas empresas é onde está o gran nicho de mercado porque, se queren sobrevivir e adaptarse a un mercado global, teñen que implantar as TIC e isto ten que facelo un enxeñeiro informática. Hai moita demanda, as empresas pídennos continuamente xente, pero hai menos alumnos dos que se precisan e, desgraciadamente, moitos marchan fóra porque pagan mellor e, incluso, os veñen a buscar incluso antes de que rematen. Temos que transmitir esta mensaxe entre o noso público obxectivo preuniversitario, somos unha opción con moito futuro. O problema é o nivel do ensino medio, non a nivel de coñecementos senón de actitude ante calquera tipo de titulación que requira un esforzo intelectual. Non hai interese, son mozos consumidores de tecnoloxía que rexeitan este tipo de formación, é un problema moi grave a nivel europeo porque, se queremos competir a nivel internacional, os incrementos de productividade virán marcados polas TIC.
Aínda así, en Galicia non estamos moi mal, hai moitas comunidades peor. Fixemos un esforzo moi grande de difusión pero tampouco queremos medrar en número de alumnos. Os tempos de 200 estudantes en primeiro remataron e iso está ben porque o cambio de paradigma marcado por Bolona só é posible cun número de alumnos por grupo manexable.

Que lle pode ofrecer entón a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus a un alumno con respecto as de outras universidades?
A mellor formación en Galicia neste ámbito penso que está nesta escola pero, precisamente, porque as tecnoloxías cambian a unha velocidade asombrosa. Boloña é unha oportunidade para facer un novo plan de estudos e para buscar un mecanismo de actualización da nosa oferta formativa. Agora podemos deseñar unha oferta formativa máis flexible, sobre todo, máis enfocada á empresa, cousa que moitas veces se esquece en favor da investigación. Nós fixemos unha metodoloxía para configurar o novo plan de estudos e o punto de partida é a empresa, xa non só pola formación, senón pola valoración do noso centro en canto a inserción laboral.
Deseñamos un cuestionario de necesidades para realizar entre as empresas tanto tecnolóxicas como doutros ámbitos de fóra de Galicia e tamén nomeamos un comité asesor do ámbito da empresa e da administración pública con entidades como Inditex, Tecnocom, R ou Vodafone entre outros para axeitar o novo plan de estudos á realidade e para actualizalo continuamente.
Esperamos poder implantar dous ou tres itinerarios no grao pero aínda que consideramos que é factible necesitamos a autorización da Vicerreitoría e da Xunta. Se queremos cubrir as necesidades das empresas temos que ter perfís específicos.

Como afronta a Escola a adaptación ao EEES?
Calquera cambio, obrigado ou non, pode ser sempre aproveitado para mellorar non só o plan de estudos actual, senón tamén para afondar en como imos adaptar, de xeito continuado, ese plan. Un plan de estudos de calidade en dous anos xa non está actualizado, polo que hai que garantir os mecanismos apropiados para que mellore co tempo.
Neste momento temos organizada a comisión de elaboración do plan de estudos de grao que ten unha distribución inicial dos créditos de formación básica, unha metodoloxía e un calendario para que teñamos todo listo para setembro. Estamos abordándoo como un proxecto máis, que para algo somos unha escola de enxeñaría. Necesitamos unha oferta nova e niso estamos, contactando coas empresas para ter datos e, sobre iso, traballar nas competencias que se demandan.