DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a partir do luns a XIV Semana de Recollida de RAEEs

Nova cita coa reciclaxe de aparellos electrónicos

Nos puntos que se instalarán nas diferentes facultades e escolas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/06/2021

Concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten, polo carácter contaminante dalgún dos seu compoñentes, un adecuado tratamento dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEEs) é un dos obxectivos do programa Green Campus, que promove cada curso unha serie de semanas de recollida destes aparellos. A décimo cuarta edición desta iniciativa terá lugar entre o vindeiro luns 7 e o venres 11, xornadas nas que as e os integrantes da comunidade universitaria poderán depositar equipos informáticos, electrodomésticos e outra serie de aparatos que funcionan con electricidade, pilas ou baterías, nos puntos que se habilitarán nas diferentes facultades e escolas, no Pavillón Universitario e na sede da Vicerreitoría. Todo o que se reúna no marco da actividade que a Vicerreitoría promove coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade será trasladado a un xestor autorizado no tratamento deste tipo de residuos, mentres que os compoñentes informáticos aos que sexa posible darlle un novo uso serán entregados ao Grupo de Reciclaxe Informático da UVigo (Gruvi).

A anterior edición desta Semana de Recollida de RAEEs, inserida no plan de acción do programa Green Campus, levouse a cabo o pasado mes de novembro, permitindo reunir preto dun cento de electrodomésticos e compoñentes informáticos.