DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nova convocatoria de bolsas Fulbright, coincidindo co 50 aniversario desta iniciativa

Para titulados superiores que amplíen os seus estudos en EEUU

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 08/02/2008

A Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os EEUU abre, un ano máis, a convocatoria de bolsas Fulbright de ampliación de estudos para titulados superiores. Nesta 50 edición do programa a oferta é de 20 a 25 bolsas para cursar estudos de posgrao en universidades de Estados Unidos en calquera disciplina de todas as áreas do coñecemento.
O prazo para presentar as solicitudes remata o 7 de marzo e o período de disfrute das bolsas comprende dende o verán ou outono do 2009 ata o verán do 2010, segundo o calendario académico da universidade de destino. Este programa está destinado a titulados superiores que estean interesados en programas de master, Ph.D. ou, excepcionalmente, en proxectos de investigación de predoutoramento nunha universidade estadounidense.
A dotación máxima das axudas é de 60.000 euros que cobren cos gastos da viaxe, a compra de libros e materiais, a manutención, a matrícula e o seguro médico e de accidentes. A duración das mesmas é de 10 a 12 meses, renovable por un segundo período de máximo 12 meses.

Requisitos

Os interesados en formar parte desta convocatoria deben acreditar a nacionalidade española ou doutro país da Unión Europea e o título superior obtido entre xaneiro de 2002 e xuño de 2008. Ademais tamén se esixe un excelente coñecemento do idioma inglés falado e escrito e demostrable mediante o Test of English as a Foreign Language (TOEFL). Dependendo do tipo de estudo que se queira realizar, pode ser necesaria experiencia profesional e/ou a presentación dos resultados do Graduate Management Admission Test (GMAT).

O programa de bolsas Fulbright

O Programa Fulbright é o nome polo que se coñece a actividade principal da Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América. Trátase da concesión das bolsas do mesmo nome para estudar, investigar ou ensinar en Estados Unidos, no caso dos cidadáns españois, ou para facerlo en España, no caso dos cidadáns estadounidenses.
Pioneiro na afirmación da educación intercultural como parte integral dos intercambios internacionais esta iniciativa foi posta en marcha en 1946 e, cincuenta anos despois, contaba xa con 250.000 participantes entre os que se atopan destacados representantes do mundo da ciencia e da educación, –máis de 30 Premios Nobel-, da política e da arte –creadores e intérpretes-, da administración e da empresa. España entrou a formar parte do programa Fulbright en 1958, establecendo unha comisión mixta e permanente que administre o programa de bolsas con Estados Unidos.