Inclúe unha insignia e unha dotación económica de 3000 euros
Nova edición do distintivo ‘Gal Ego’ para impulsar o uso do galego nos centros
As escolas e facultades interesadas poden presentar as súas propostas ata o 27 de febreiro
Coincidindo co arranque do segundo cuadrimestre, a Universidade de Vigo lanza unha nova edición do distintivo de galeguización ‘Gal Ego’, unha iniciativa posta en marcha hai apenas tres anos coa que se busca recoñecer o labor das escolas e facultades que fan un uso máis activo e permanente da lingua galega no desenvolmento de todas as súas actividades, así como impulsar e incentivar o emprego do idioma propio en todos os centros da UVigo. Xa se premiou o labor galeguizador de Filoloxía e Tradución, no campus de Vigo; Educación e Traballo Social, no de Ourense, e Comunicación, no de Pontevedra... polo que agora se trata de atopar novos centros dispostos tamén a lucir o selo ‘Gal Ego’.
O distintivo consiste nunha insignia para expoñer publicamente na facultade ou escola, ademais dunha contía económica de 3000 euros destinada a desenvolver actividades ou iniciativas que empreguen o galego ao longo de todo 2026 e xaneiro de 2027.
Como podo amosar o compromiso do meu centro co galego?
Os equipos directivos/decanais poden presentar solicitudes ata o vindeiro 27 de febreiro a través da sede electrónica indicando diferente información relativa ao pasado curso académico, desde materias impartidas en lingua galega (facendo tamén constar o número total de materias impartidas na facultade ou escola), ata Traballos Fin de Grao e Fin de Máster en lingua galega (indicando o número total de traballos realizados na facultade ou escola), pasando pola realización da comunicación interna e externa en lingua galega (tanto oral coma escrita) ou páxina web do centro en lingua galega.
A maiores, as solicitudes farán tamén constar as distintas actividades e accións que se levaron a cabo en lingua galega (incluíndo o título de cada unha); o número de PDI e de PTXAS con cursos de galego homologados, a existencia dunha persoa de enlace de lingua galega e os actos institucionais celebrados en lingua galega (actividades de captación, acollida, graduacións, patrón…).
Entrega de galardóns na celebración do Día das Letras Galegas
Da revisión e avaliciación das solicitudes encargarase unha comisión avaliadora presidida pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, da que exercerá como secretario o director da Área de Normalización Lingüística, Benigno Fernández Salgado, e como vogais as propias técnicas da ANL, Eva María Castro e Mª Cristina Rodríguez.
A entrega do distintivo acostuma realizarse coincidindo co acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas, actividade que nas últimas edicións se celebrou nas propias instalacións dos centros distinguidos: Ciencias da Comunicación no 2025, e Educación e Traballo Social no 2024 -acto no que tamén se entregou un galardón honorífico á Facultade de Filoloxía e Tradución-.
