DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de Tamara Andrés, Alexandre Rodríguez Guerra e Montse Ribao

Nova edición dos Encontros na Casa de Rosalía

O reitor, Manuel Reigosa, participará este mediodía na clausura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 03/05/2019

A Fundación Rosalía de Castro e a Universidade de Vigo organizaron este venres unha nova edición dos Encontros na Casa de Rosalía, unhas xornadas de reflexión sobre a figura e a obra da autora padronesa que se insiren na longa tradición de colaboración que manteñen ambas institucións dende hai anos e que se materializou, por exemplo, en Rosalía é Mundial, unha iniciativa que permitiu traducir dous poemas da autora a máis de trinta linguas do mundo e da entrega en 2018 da insignia de ouro da fundación, bautizada como Rosa de Galicia, á Universidade de Vigo.

Nesta ocasión os encontros contaron coa participación da escritora e tradutora galega Tamara Andrés, finalista en 2018 do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, que afondou na figura de Rosalía de Castro como punta de lanza da tradución feminista, e dos docentes da Universidade de Vigo, Alexandre Rodríguez Guerra, que reflexionou sobre a presenza da autora na prensa española non galega do primeiro terzo do século XX, e Montse Ribao que centrou as súas reflexións na prosa de Rosalía, “en clave feminina e singular”.

Os encontros foron clausurados este mediodía polo reitor Manuel Reigosa; o presidente da fundación e profesor da Universidade de Vigo, Anxo Angueira e o director da Área de Normalización Linguística Fernando Ramallo. Entre os asistentes contouse coa participación de numerosos alumnas e alumnos estranxeiros que están a cursar lingua e cultura galega na UVigo, así como de estudantes do Programa Universitario de Maiores, un público moi fiel en todas as actividades que teñen que ver co achegamento á figura de Rosalía de Castro.