DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este programa itinerante para a democratización da formación arrancou esta semana en Allariz

Unha nova edición das Mareas de Coñecemento leva a ciencia e a cultura á poboación sénior da Galicia rural

As actividades espallaranse tamén por Celanova, Covelo, Gondomar, Lalín, O Rosal e Poio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/04/2025

Como unha experiencia piloto, en 2018 botaba a andar no Concello de Nigrán o programa Mareas do Coñecemento, unha iniciativa de formación itinerante que buscaba achegar á poboación maior de 50 anos a ciencia e a cultura. A idea era complementar a oferta do Programa de Maiores, centrada nas cidades dos tres campus da Universidade de Vigo, e espallar así actividades polos concellos galegos, levando o coñecemento ás contornas rurais. A proposta funcionou e, ano tras anos, máis concellos se suman a este programa. Neste 2025 serán seis as vilas das provincias de Pontevedra e Ourense as que acollan os seminarios das Mareas de Coñecemento: Allariz, Celanova, Covelo, Gondomar, Lalín, O Rosal e Poio.
Precisamente, o municipio alaricano foi o primeiro en estrear a nova edición esta mesma semana, cun seminario sobre soidade non desexada, ao que seguirán nas vindeiras semanas outros sobre saúde e benestar, xestión tributaria e historia e patrimonio cultural.

Ciencia e cultura na contorna rural

O obxectivo fundamental do programa Mareas de Coñecemento é democratizar o coñecemento e achegar a formación científica e cultural á contorna rural, levando á poboación maior de 50 anos un programa de seminarios teóricos-prácticos. A coordinación corresponde ás docentes responsables do Programa de Maiores nos tres campus (Alma Gómez no campus de Ourense; Iris Machado en Pontevedra e Carmen Mª Abreu en Vigo e tamén responsable xeral) e os docentes son, na maioría dos casos, profesorado do propio Programa de Maiores.

Os diversos seminarios, entre dous e catro por concello, desenvolveranse ata o 20 de xuño, data na que se realizará a clausura en Poio. Abordarán temas de interese para a poboación sénior, con cuestións relacionadas, por exemplo, coa saúde mental e física ou cos bos hábitos, como a alimentación saudable ou a práctica de exercicio físico específico. Outra parte dos contidos adaptaranse á contorna de cada concello, centrándose no patrimonio cultural e artístico local e concienciando sobre o seu valor, combinando exercicio físico e intelectual con andainas para coñecer o patrimonio propio. Adicionalmente, abordarase a saúde económica, achegando coñecementos sobre os impostos e a súa necesidade e relevancia. 

O programa Mareas de Coñecemdento conta co apoio económico da Consellería de Política Social e Xuventude aliñándose co obxectivo de afrontar o reto do envellecemento da poboación e fomentar a aprendizaxe ao longo da vida. 

Estrea en Allariz  

A edición 2025 das Mareas de Coñecemento arrancaron esta mesma semana en Allariz, cun primeiro seminario sobre a soidade non desexada que se desenvolveu na asociación de veciños de Nanín na tarde do mércores da man da profesora Isabel Ferreiro, da Facultade de Educación e Traballo Social e do Programa para Maiores. Xunto con ela, asistiron a esta primeiro taller Tania Álvarez Ayán, concelleira de Benestar Social, e  Sonia Paz Freire, técnica Educación, xunto con Alma Gómez, coordinadora do Programa de Maiores do campus de Ourense. Nesta cita as e os participantes reflexionaron sobre se a soidade é sempre negativa e coñeceron técnicas para abordala dende a intelixencia emocional. 

O segundo seminario será o 8 de maio no Fogar dos Maiores e centrarase na saúde e o benestar e, de xeito máis concreto, na importancia dos probióticos caseiros. O terceiro taller será sobre tributación e fiscalidade, os días 15 e 22 de maio e o último o 27 de maio sobre a historia e o patrimonio deste concello ourensán.

A próxima semana en Gondomar

O seguinte concello en acoller os seminarios das Mareas do Coñecemento destes curso será, xa a vindeira semana, Gondomar. O primeiro taller será o luns, e no acto de apertura está presente o vicerreitor de Titulaciones e Innovacion Docente, Alfonso Lago e a coordinadora do PUM en Pontevedra, Iris Machado, xunto co alcalde, Francisco Ferreira, xunto con Nuria Lameiro, concelleira de Benestar Social, Igualdade, Sanidade, Xuventude e Deportes.

Nesta primeira sesión o profesor da Universidade de Vigo Alberto Vaquero impartirá un obradoiro sobre impostos e as cuestións básicas que rodean a fiscalidade, por exemplo no relacionado co tratamento das herdanzas, os plans e fondos de pensións ou o imposto de bens inmobles.

A seguinte cita en Gondomar será os días 6 e 8 de maio cun seminario sobre o uso do teléfono móbil como ferramenta tecnolóxica que impartirán as profesoras da EE Industrial Amparo Rodríguez Damián e María Rodríguez Damián. O terceiro seminario centrarase na saúde e terá lugar o 13 e o 15 de maio da man do profesor José Luis García Soidán que falará sobre nutrición e execicio e incluirá un roteiro polos petróglifos de Couso e Donas. A derradeira cita será o 3 de xuño cunha sesión sobre hábitos para a saúde mental con Claudia González López, profesora da Escola Universitaria de Enfermería.