DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa colaboración da Deputación, publícase en papel o número 8 da revista ‘Gaudeamus’

Nova entrega da “voz sénior” do campus

Promovida pola asociación de estudantes do PUM Asaexs

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/06/2022

Por iniciativa do alumno do Programa Universitario para Maiores (PUM) Miguel Ángel Yebra, no ano 2016 nacía no campus a revista dixital Gaudeamus, que tiña como obxectivo “dar voz” ao alumnado sénior. Coordinada na actualidade desde a asociación de alumnado e exalumnado deste programa Asaexs, nas últimas semanas vía a luz, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a edición impresa do oitavo número deste "magazine sociocultural", presentado en formato dixital a finais do pasado ano. 

Trátase, como sinala a presidenta de Asaexs, Gloria Pérez, do terceiro número que, grazas á colaboración da Deputación, a asociación pode distribuír en formato impreso, Coordinada actualmente polo equipo directivo de Asaexs, a revista mantén “as mesmas bases e filosofía coa que foi creada no seu día, que moi resumidamente, son os de dar voz ao alumnado sénior da UVigo”. Ao igual que nos anteriores números, gran parte dos contidos foron realizados polo alumnado ou antigos estudnates do PUM, ao que se suman nesta entrega colaboracións como as de Antón Meilán, profesor honorífico da Universidad de Oviedo, ou o ex-conselleiro do goberno de Castilla-La Mancha Ángel Felpeto. Historia, natureza ou viaxes forman parte das temáticas abordadas nunha publicación que inclúe tamén unha entrevista ao profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Juan Manuel Corbacho, á vez que repasa á actividade do alumnado do PUM no campus e da asociación Asaexs en 2021. 

Este oitavo número de Gaudeamus tivo como director o alumno do PUM José Juan Meilán, que “tomou as rendas” desta entrega ante a imposibilidade de Yebra, anterior membro de Asaexs, de facerse cargo da coordinación deste número. Trátase nese senso, como sinala Pérez, dunha publicación que “queremos potenciar, dándolle longa vida” e á que, dado os "condicionantes da pandemia" e coa idea tamén de qjue cada número poida ver a luz en papel ademais de en formato dixital, “optouse por realizar unha única edición anual, en lugar das dúas previstas inicialmente”. De feito, sinala, os diferentes colaboradores e colaboradoras comezarán nas próximas semanas a traballar nos artigos que conformarán o seu noveno número, que está previsto vexa a luz en formato dixital a finais do presente ano.