DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vicerreitoría e Concellería de Promoción Económica organizan unha ruta ornitolóxica 

Nova oportunidade para iniciarse na observación de aves 

Con inscrición gratuíta, terá lugar este sábado 15

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/01/2022

No marco dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades impulsaron o pasado mes de decembro unhas rutas ornitolóxicas polas zonas húmidas do Grove, dirixidas a iniciar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía na observación de aves. Despois de que a climatoloxía impedise levar a cabo unha das dúas saídas previstas, esta levarase finalmente a cabo este sábado 15 de xaneiro, xornada na que as persoas interesadas poderán participar un percorrido guiado polo que é “probablemente o mellor espazo de Galicia para observar aves de zonas húmidas”, como sinala o director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto. Con inscrición gratuíta a través do correo electrónico oma.po@uvigo.es, trátase dunha actividade aberta a calquera persoa interesada ata cubrir as 50 prazas dispoñibles.

Con saída da marquesiña situada fronte á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a actividade desenvolverase entre as 9.30 e as 13.30 horas e comprenderá un percorrido por diferentes puntos de observación do complexo intermareal Umia-O Grove, desde os que poder avistar aves como cullereiros, garzas reais, mazaricos ou biluricos. A actividade que na súa primeira edición cubriu as súas 50 prazas, completarase cunha visita ao Centro de Interpretación da Natureza do Grove e insírese nas iniciativas de educación ambiental do programa Green Campus. Desde a organización porán a disposición dos asistentes telescopios e prismáticos, aínda que, como apunta Souto, “é recomendable que quen teña prismáticos, léveos tamén, así como roupa cómoda e de abrigo e algo de comida e bebida”.