DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina terá lugar o sábado 14 pola Portela do Homem

Unha nova ruta cultural da UVigo achegarase á fronteira con Portugal

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 09/03/2026

A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo deste segundo cuadrimestre continúa este sábado, 14 de marzo, cun percorrido pola fronteira entre Galicia e Portugal. Concretamente, a proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte levará ás persoas participantes pola Portela do Homem, paso de montaña desta fronteira na serra do Gerês. “Durante o percorrido visitaremos a Corga da Fecha, a Cabañiña do Curro, achegarémonos á fronteira con Portugal e regresaremos polos Miliarios ata finalizar novamente no Balneario de Lobios”, explican desde a organización da actividade.

Inscrición a través de Internet

A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer Galicia e a súa contorna, senón polo bo ambiente que teñen. 

Máis programación

Tras esta andaina e tamén en marzo, o día 28 e cunha dificultade alta, a programación de rutas culturais da UVigo continuará cun roteiro por San Mamede, que partirá da zona de Arnuide, ascenderá ata As Corcerizas e o alto de San Mamede para regresar posteriormente ao punto de inicio. Xa en abril haberá dúas andainas. Unha primeira, de dificultade media, terá lugar o día 11 co título Sendeiro do río Gorgua (Padrenda). “Achegarémonos ao sendeiro deste río, afluente do río Deva, moi preto da súa desembocadura no Miño, que ofrece unha paisaxe de gran riqueza natural, con fragas, muíños tradicionais e tramos de bosque autóctono”, apuntan desde a organización. A programación pecharase o día 25 cunha ruta circular por Porto do Son e Castro de Baroña.