DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O I Premio de Restauración Sostible de Espazos Mineiros xa ten gañadores

Unha nova e sostible vida para a canteira de Richinol

O proxecto propón a creación dun espazo de lecer ecolóxico e con carácter autosostible

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 18/05/2018

Elena Domínguez, Xoel González e Víctor Lago, estudantes da Universidade de Vigo, conforman o equipo gañador do I Premio de Restauración Sostible de Espazos Mineiros, un certame convocado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, que ten como finalidade darlle unha nova vida a unha canteira en desuso, neste caso á canteira de Richinol, preto de Melide. 

Esta semana o xurado do concurso, formado por técnicos da propia empresa ARE, propietaria da canteira, profesionais da restauración, docentes do campus e alumnos dos graos de Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos, deu a coñecer o seu veredicto. A proposta gañadora consiste, como explica o equipo impulsor, na creación dun espazo verde, ecolóxico, con carácter autosostible empregando enerxía limpa, tratamento de residuos e integrando todos os elementos da restauración na paisaxe natural existente, revexetando a área con especies autóctonas.

O eixe central, un lago artificial

“A idea principal é a creación dun lago artificial cun carreiro de 4 km que percorra diversos puntos de interese da explotación restaurada”, destaca Xoel González, un dos integrantes do grupo gañador. Neste roteiro incluiranse merendeiros así como zonas lúdico-deportivas, que incluirán diversas pistas recreativas e unha área de descanso que poderá albergar a 100 persoas en bungalós xunto cunha área de 2000 m² de invernadoiros ecolóxicos nos que se impartiran obradoiros formativos”. Ademais, “toda a demanda de auga e enerxía é sustentada mediante a depuración da auga do lago e a instalación de paneis fotovoltaicos integrados na paisaxe”. As augas grises xeradas serán empregadas como regadío tras pasar por unha zona húmida artificial.

A finalidade do proxecto, resume González, “é crear unha área sostíbel por si mesma que reduza o impacto visual e ambiental, que tras unha inversión inicial non xere ningún tipo de custo”. Neste sentido, consideran que un dos puntos fortes que o xurado tivo en conta da súa proposta é a idea de “facer fincapé no medioambiente e na sostibilidade, tendo en conta o tratamento dos residuos xerados nesta área natural e as necesidades técnicas para levarse a cabo; todo isto xunto coa viabilidade do noso proxecto foron as chaves para a nosa vitoria”. Como premio recibiron un diploma acreditativo e 200 euros para mercar material informático, audiovisual ou tecnolóxico.

Un impulso de motivación para afrontar os exames

Os estudantes que idearon este proxecto estudan 3º e 4º de Enxeñería dos Recursos Mineiros e Enerxéticos na especialidade de explotación. Recoñecen que foi unha “grata sorpresa xa que non esperabamos gañar”. Consideran que este premio é un “impulso de motivación para afrontar os exames e poñer en práctica os coñecementos que adquirimos, sen esquecer tampouco o que contribuíu a facernos unha idea do que nos pode esperar o día de mañá”. Engade Xoel González que “persoalmente, este tipo de cousas faime sentir garboso de estudar Enxeñería de Minas”.

O concurso está organizado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e o grupo empresarial Canteras ARE e o seu obxectivo era que estudantes de secundaria e universidades propuxese unha solución técnica, económica, social e ambientalmente viable, a partir do aproveitamento do espazo do oco dunha canteira. Así, segundo as bases, as propostas debían permitir os usos sociais e privados no volume comprendido no interior da canteira e achegar solucións arquitectónicas e paisaxísticas que axudasen a reducir o impacto visual e ambiental actual do espazo exterior da canteira. Ademais tamén se requiría que incluír solucións tecnolóxicas que posibilitasen a conservación e aforro enerxético e a introdución de enerxía renovables.