DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras dous anos de traballo a Universidade presenta un renovado portal institucional 

Unha nova web enfocada á comunicación que sitúa as persoas usuarias no centro

Cun 100% de software libre, a nova páxina recolle e unifica información de múltiples fontes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 15/05/2018

Tras unha década en funcionamento, o portal institucional da Universidade de Vigo dá paso desde hoxe a unha nova web “froito do traballo da comunidade universitaria e de persoas expertas, que non só implica un cambio tecnolóxico, senón un cambio de mentalidade”, explicou o reitor en funcións, Salustiano Mato, no acto de presentación da nova páxina, que este mediodía tivo lugar na sala de xuntas da Reitoría. Acompañado polo vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, e o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, ambos os dous en funcións, e o director da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións, ATIC, Juan Aguiar, o reitor, destacou que este novo portal institucional permite á comunidade universitaria ser “dona do que manexa, permitindo que a información flúa de xeito coherente”. Pola súa banda, o director de ATIC, incidiu en que o novo portal permite “modernizar como nos comunicamos cos públicos, situando ás persoas usuarias no centro”.

A nova web funciona como un puzzle ou mashup, recollendo información das aplicacións de xestión e converténdoas en comunicables, co obxectivo de conseguir unha comunicación e un acceso aos servizos máis eficiente. A partir dunha portada organizada con placas que se solapan entre si con novidades relacionadas co momento actual da institución, a nova web dá acubillo na súa nova estrutura ao Duvi coas noticias que a diario se producen nos tres campus da universidade; ás redes sociais; á axenda cos eventos máis destacados; a avisos publicados polos diferentes servizos e a outras novidades de interese para a comunidade universitaria. A tipografía utilizada no novo portal é a Roboto, unha familia deseñada en 2012 por Christian Robertson, ao tempo que se optou como cor, para non interferir coa identidade corporativa da universidade, por un azul moi escuro.

Software libre 100% e organización en perfís e áreas temáticas

Na súa intervención deste mediodía o reitor en funcións, Salustiano Mato, destacou que este proxecto impulsado desde a Vicerreitoría de Economía e Planificación e a Xerencia, “é algo dinámico que busca adaptarse aos tempos que corren, renovando a comunicación web, modernizando o xeito de transmitir información aos públicos que se relacionan coa universidade e facilitando a forma de traballar das persoas que publican información no novo portal”. Mato incidiu en que a nova web “amosa o que somos e como somos dun xeito máis moderno e eficiente, os valores que nos definen, especialmente ser un proxecto común baseado na innovación permanente”, dixo o reitor en funcións.

A nova web, que funciona en pantallas de computador, móbiles e outros dispositivos electrónicos, desenvolveuse 100% con tecnoloxía de software libre e está organizada en perfís: estudantes, PAS, PDI e empresas e áreas temáticas relativas á universidade, docencia, investigación, vida universitaria e captación. “A web recolle información de múltiples fontes, que mestura, ordena e amosa de xeito parametrizado  e nela conviven textos estáticos e contidos dinámicos”, explicou Juan Aguiar, que destacou que a existencia neste novo portal dunha única copia dos datos, mellora a coherencia e a eficiencia.

Tanto Salustiano Mato como Juan Aguiar incidiron en que aínda que “hoxe presentamos un fito: o novo portal, queda moito por facer, por analizar, por compartir e desenvolver”, un proceso no que invitaron a participa a toda a comunidade universitaria.