DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres clausurouse a quinta edición do curso de Afaor dedicado a esta enfermidade

Unha nova xeira de estudantes preparados para dar unha mellor atención aos pacientes con alzhéimer

Os seus promotores adiantaron o desexo de darlle continuidade á iniciativa o vindeiro ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/04/2017

O campus de Ourense acolleu este venres a clausura do Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas de Alzhéimer, unha iniciativa da Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) realizada co apoio da Fundación Dorzán, a Vicerreitoría do campus e a Facultade de Ciencias da Educación. A vintena de estudantes de Traballo e Educación Social e algún profesional que o realizaron recolleron este venres uns diplomas que corroboran a súa formación especializada nun eido que demanda cada vez máis profesionais capacitados que permitan ofrecer aos pacientes e ás súas familias unha mellor calidade de vida.

No acto de clausura e entrega de diplomas participaron Antonio Fernández, secretario da Facultade de Ciencias da Educación; José Manuel López, xerente da Fundación Dorzán, e María Carmen Pérez, secretaria da Xunta Directiva da Asociación de Alzhéimer de Ourense Afaor. Trátase, apuntaron, da quinta edición deste curso, que se realiza ao abeiro dun acordo de colaboración entre Afaor, Fundación Dorzán e Universidade de Vigo. Durante a clausura, Antonio Fernández quixo agradecer a Afaor a súa colaboración co centro na formación do seu alumnado, “desde as primeiras entrevistas que lles van facer os estudantes no primeiro curso para ver que é e como funciona a asociación e o practicum ata este curso”. Pola súa banda, María Carmen Pérez expresou ao alumnado o seu desexo de que este curso “sexa moi positivo para os enfermos e tamén para o voso futuro” e José Manuel López recalcou a súa confianza en que “esta formación vos serva para o voso futuro e que con ela melloredes a calidade de vida das persoas maiores, que é o noso obxectivo último”.

Durante os últimos meses, cada venres as persoas inscritas no curso adquiriron coñecementos sobre a enfermidade de alzhéimer, sobre os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais, o tratamento legal, o papel das familias nesta enfermidade ou a bioética. Expertos en cada unha das materias foron os encargados de impartir a docencia de 40 horas do curso, docencia que logo se complementou coa realización de 20 horas de prácticas na sede de Afaor en Ourense, que tutorizou ao alumnado participante. Pola boa acollida do curso, que ten máis demanda que prazas dispoñibles, e pola calidade e utilidade da formación impartida, os promotores e colaboradores da iniciativa amosaron este venres o seu desexo de continuar celebrando o vindeiro curso universitario esta actividade.

Bolsa Fundación Dorzán de investigación

Outra das iniciativas actualmente abertas nas que participa a Fundación Dorzán e a Universidade de Vigo é a Bolsa Fundación Dorzán, creada o pasado mes de febreiro. A bolsa ten como obxectivo facilitar apoio económico para a realización de traballos científicos na área de atención ás persoas maiores, financiando con 1500 euros un proxecto de investigación. Pode presentarse a esta convocatoria o alumnado matriculado durante o curso 2016/2017 na Universidade de Vigo no campus de Ourense e o persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo. A axuda está dirixida tanto a persoas físicas como a grupos de investigación.

Os proxectos de investigación que se presenten a esta convocatoria deberán centrarse, preferentemente, nunha ou varias das áreas temáticas relacionadas coa xerontoloxía e ou a xeriatría, desenvolvidas no ámbito comunitario ou desde algún dispositivo pertencente á rede asistencial de atención ás persoas maiores. Os estudos deben enmarcarse en Galicia, cun ámbito preferente de actuación na provincia de Ourense. O prazo de solicitude está aberto ata o 17 de abril de 2017.