DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Turismo acollerá ata o vindeiro xoves as xornadas

As novas iniciativas do sector a estudo nas "Xornadas de achegamento a experiencias de turismo alternativo"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 26/11/2007

O decano da Facultade de Turismo, Jesús Vázquez, foi o encargado de inaugurar as Xornadas de achegamento a experiencias de turismo alternativo, dirixidas especialmente aos estudantes da diplomatura “estas xornadas forman parte das clases e do proceso de adaptación ao EEES que necesita da implicación do alumno para ampliar a súa formación académica” dixo. Engadiu tamén que “a Facultade está facendo un gran esforzo por mellorar a preparación dos estudantes e posicionarse coma centro”. Para iso, nesta ocasión contan con diversos relatores que ao longo dos catro días no edificio Xurídico Empresarial, buscarán e analizarán novas vías do negocio turístico.
Pola súa banda, Sara Menor resumiu os obxectivos das xornadas dicindo que “queremos aproximarnos á realidade do turismo de xeito práctico, non só teórico. Coñecer os camiños de traballo que se están levando a cabo a través de profesionais que están poñendo en marcha proxectos alternativos en distintos ámbitos” explicou aos alumnos. Na mesma liña, a docente Carmen Gil, engadiu que “a necesidade de busca doutros modelos xurde pola forte competencia tanto da oferta como da demanda. O público quere algo diferente, que active os seus sentidos” e aproveitou para introducir ao ponente da primeira xornada, Sebastián Valverde.

“Iniciativas e experiencias en Planificación Turística”

Aínda que no programa figuraba Roberto Rodríguez, non puido acudir e foi substituído polo seu socio en ITC Ménsula, Sebastián Valverde na conferencia Iniciativas e experiencias en Planificación Turística.
Cunha traxectoria de máis de 10 anos no eido da planificación turística e a súa xestión e xerencia, Innovación e Turismo Cultural é unha empresa xurdida en Ourense pero que actualmente traballa en Vigo. Levou a cabo numerosos proxectos de xerencia e dinamización turística desenvolvendo diferentes estratexias de conceptualización, posta en valor de recursos, xestión de patrimonio e implantación de iniciativas de turismo cultural.
Valverde, centrou a súa intervención na parte práctica, concretamente nas áreas de traballo e na avaliación da situación do mercado, a demanda de productos específicos, as súas saídas profesionais e as perspectivas de futuro. Aportou tamén a súa experiencia profesional.“Nós traballamos coa xestión do patrimonio cultural. Analizamos a imaxe, a marca e os públicos, adaptámolos ás circunstancias do mercado e xestionamos os destinos” explicou. Ademais recalcou a importancia de Ourense “a provincia que ten máis recursos, máis patrimonio. Realizamos a concepción e o desenvolvemento técnico do seu Plan de Dinamización Turística aínda que por circunstancias non quedamos coa xestión”. Agora mesmo están a traballar, entre outros, no proxecto da Mancomunidade das Terras do Avia “e estamos realmente entusiasmados. En 10 anos as terras do Ribeiro serán o destino máis importante do interior de Galicia” prognosticou “pola súa xeografía, a enoloxía, o termalismo e a súa situación estratéxica, preto de Ourense, Santiago e Vigo” dixo.

Próximas conferencias

Nos vindeiros días as conferencias sucederanse no edificio Xurídico Empresarial. Este martes, Emilio Louro, presidente da Cofradía de pescadores de Lira (Carnota) falará da importancia dun turismo activo nas zonas con risco de despoboamento, coma alternativa a outras actividades. Precisamente compartirá a súa experiencia baseada na participación dos visitantes nas labores de pesca de baixura.
O mércores, os protagonistas serán o turismo náutico da man de Santiago Pérez, director do Real Club Náutico de Baiona e Julio Castro, director do Parador de Santo Estevo, que analizará a rodaxe de Hospital Central alí.
Para a última xornada, a do xoves, está previsto que o tema sexa analizado por profesionais da publicidade e do marketing que reflexionarán en torno á promoción turística. Neste caso os relatores serán Juan I. Nonzioli, director creativo da axencia Shackleton, e Carmen de Fuentes, da Agencia Valenciana del Turisme.