DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase o 17 de abril e o prazo de inscrición abríase nas últimas horas

Novas probas, sorteos e o reto Compyrobot potenciarán a Competición de Robots da EEI na súa 9ª edición

Participará estudantado de ESO, Bacharelato, FP, universidade e outras titulacións oficiais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
Mº del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 13/01/2026

Cumprir nove anos e seguir renovándose edición tras edición é unha máxima para a Competición de Robots ou RobotFriday, como popularmente se coñece, que anualmente organiza a Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo. Sorteos de kits; cambio da proba “velódromo mareante” pola de “varredor cebra” e modificacións na “sigue liña marchoso”; e o regalo dunha réplica do tapete da competición para as 25 primeiras inscricións, son algunhas da novidades que a Competición incorpora a súa 9ª edición, que se celebrará o 17 de abril na sede do campus das Lagoas da EEI. 

Pero aínda hai máis: “esta edición conta co desenvolvemento en paralelo do primeiro reto Compyrobot, en colaboración coa empresa Binarial no que participan estudantes e docentes dunha decena de centros que tomaron parte na pasada edición e que entre os meses de outubro de 2025 e febreiro de 2026 teñen que mapear unha ruta de cando menos 20 metros, dentro das instalacións dos seus centros e percorrela do xeito máis eficiente co robot móbil Compy, de Binarial, que deben programar para acadar o mellor resultado”, explica Juan Pardo Froján, docente e investigador do Departamento de Organización de Empresas e Márketing e ex director da EEI. 

Máis de 40 inscritos nas primeiras horas 

O prazo de inscrición para que o alumnado de ESO, Bacharelato, FP, universidade e outras titulacións oficiais poida participar na Competición abríase este pasado luns e nas primeiras horas o número de centros rexistrados xa superaba os 40, unha cifra que a organización considera un éxito e que agardan se achegue, ao rematar o período de inscrición, aos 100 equipos e 500 participantes. “Resulta moi difícil facer unha previsión, máis tendo en conta que na última edición, con motivo do 10º aniversario, a resposta foi das mellore. A nosa intención non é bater ningún récord, o que queremos é que sexa unha xornada na que estudantes e docentes poidan pór a proba o seu talento e compartir unha experiencia enriquecedora e fomentar as disciplinas STEAM”.

Logo de oito edicións, as persoas que se encargan da organización do RobotFriday recoñecen “o gran traballo, esforzo e dedicación” que supón poñer en marcha a Competición. Non obstante, aseguran que este compromiso por fomentar desde as bases o interese polas actividades STEAM vese recompensado con creces “polos momentos vividos e compartidos cos rapaces e rapazas nas edicións anteriores. Temos que seguir apostando pola canteira e ser quen de fomentar as competencias dixitais e tamén aquelas soft skills, cada vez máis importantes”.

Xunto ás tres persoas que levan a maior parte do peso da organización do evento, unha vintena de estudantes colaboran cada ano no desenvolvemento das probas, mentres que o PTXAS de conserxería axuda no envío de material aos centros, a preparación de tapices e sinalización o día da competición. “Aínda que non hai unha estrutura formal permanente, sempre contamos con xente disposta a colaborar porque é unha actividade na que a xente disfruta e pon o seu grao”, sinala Juan Pardo.

Categorías e premios 

Mentres o alumnado de ESO e Bacharelato competirá na categoría BE-Robot, o estudantado de FP, titulacións universitarias e outros títulos oficiais fará o propio na categoría DEMO-Robot. En ambos os dous casos, os equipos deberán enfrontar unha serie de probas nas que os seus robots, dependendo da categoría, deberán amosar as súas habilidades seguindo un camiño marcado no chan; sacando obxectos dun recinto; atravesando un labirinto no menor tempo posible; ou desprazando outros robots fóra do campo de xogo.

Os tres primeiros equipos de cada categoría que acaden as maiores puntuacións na fase final serán premiados, outorgándose ademais un galardón á orixinalidade e o premio STEAM ao centro que participe co maior número de estudantes nas diferentes categorías do concurso.