DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de último curso celebrou este xoves o seu acto de graduación

As novas promocións de grao e mestrado de Enxeñaría Informática despídense do campus

Trátase en total dun centenar de estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 07/06/2019

Nun salón de actos Marie Curie cheo de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria, o alumnado de último curso de grao e de mestrado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense celebrou este xoves o seu acto de graduación. A cerimonia, que contou coa participación de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Francisco Javier Rodríguez, director desta escola, tamén incluíu o nomeamento dos dous novos doutores do centro, Martín Pérez e Gael Pérez.

Concretamente, celebraron o remate dos seus estudos un centenar de egresados e egresadas correspondentes á IV promoción do Grao en Enxeñaría Informática, a I promoción do Programa Conxunto do Grao en Administración e Dirección de Empresas-Grao en Enxeñaría Informática e a IV promoción do Mestrado en Enxeñaría Informática. As promocións estiveron apadriñadas polos profesores Francisco José Ribadas e José Ramón Méndez.

Para as e os estudantes presentes o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática tivo palabras de recoñecemento tanto para elas e eles, como para as súas familias e para o persoal de administración e servizos do centro, sen esquecerse do apoio da sociedade, das empresas e das institucións. “Saíde aí fóra e demostrade o que valedes e non vos esquezades que nesta, a vosa casa, sempre seredes benvidos para compartir a vosa aprendizaxe coas seguintes xeracións ou simplemente para tomar un café e lembrar vellas ou novas anécdotas”, díxolle aos novos titulados e tituladas de grao e mestrado Francisco Javier Rodríguez, que lembrou como esta escola é un dos “centros universitarios coa maior taxa de empregabilidade de toda Galicia”.