DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polas asociación Adingor Joven, liderada por dous enxeñeiros da UVigo

As novas xeracións de investigadores en Organización Industrial danse cita nunhas xornadas estatais

Terán lugar en modalidade virtual o 7 de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/07/2021

A Asociación para el Desarrollo de la Ingeniería de Organización, presidida polo catedrático da Universidade de Vigo J. Carlos Prado, aglutina os profesionais do mundo académico relacionados coa enxeñaría de organización. Pero no seu seo naceu en 2019 Adingor Joven, unha agrupación pensada para dar acubillo a aquelas persoas que están comezando a desenvolver a súa carreira docente e investigadora neste eido da Enxeñaría. Un das súas aposto foi poñer en marcha unhas xornada estatais anuais que, tras unha primeira edición en 2020, este verán volven celebrarse.

A cita será o 7 de xullo, como antesala do 15th International Conference on Industrial Engineering and Industrial Management e do XXV Congreso de Ingeniería de Organización. Desta asociación de mozos investigadores forman parte Iván González e Mar Fernández, enxeñeiros do Grupo de Enxeñaría de Organización da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo. Explican que a finalidade coa que naceu Adingor Joven é “xerar un espazo común no que os mozos e mozas de toda España vinculados ao eido académico da enxeñaría de organización poida compartir as súas necesidades e inquedanzas. Así, esta agrupación está aberta a menores de 40 anos, vencellados a esta área da enxeñaría pero que non gozan dunha posición estable na súa universidade. Na actualidade conta con membros de nove universidades (Vigo, Politécnica de Valencia, Sevilla, Valladolid, Carlos III de Madrid, País Vasco, Oviedo, Politécnica de Cataluña e Burgos), sendo a UVigo a universidade que achega máis membros á asociación. Ata agora a dirección corría a cargo de dous investigadores da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, Mar Fernández e Iván González Boubeta. Pero como explican, este ano apostaron por modificar a estrutura da asociación e “implementar un mecanismo de liderado moito máis asembleario e participativo”, aínda que Mar Fernández se mantén como coordinadora.

Tres eixos temáticos

Para esta segunda edición das xornadas, os organizadores agardan contar coa participación de arredor de 100 persoas. O programa, explican Iván González e Mar Fernández, organízase en “tres sesións temáticas, que serán en liña e de balde, igual que o ano pasado”. O que cambia respecto de 2020 son os contidos das mesmas, xa que optaron por desenvolver unha sesión orientada a cada un dos piares da agrupación, é dicir, “investigación, transferencia e docencia”. 

A xornada arrancará ás 09.30 h para abordar o eido da investigación e achegar consellos e estratexias para unha internacionalización eficiente da investigación desde as primeiras etapas da carreira académica. Os relatores serán Daniel Catalá, Borja Ponte e os propios Mar Fernández e Iván Glez. Boubeta. A segunda sesión, a partir das 12.00 h centrarase na transferencia de coñecemento, analizando as diferenzas entre proxectos de transferencia en España e no estranxeiro e achegando información sobre o proceso de creación dunha spin-off, da man de Luis R. Izquierdo e Antonio Sartal. Por parte da UVigo, nesta sesión participarán os investigadores da EEI Iago Portela e Iria González. Finalmente, e xa pola tarde, terá lugar unha sesión sobre os novos enfoques e tendencias en docencia, as ferramentas de innovación docente e consellos sobre como aproveitar ao máximo as habilidades docentes. Nesta ocasión o debate realizarase a través un panel de debate constituído por membros Adingor Joven como Beatriz Andrés, Rocío Alfaro, Virginia Ahedo, Karen Reina Sánchez, Juan de Antón e Miguel Rodríguez, investigador da EE Industrial.

Todas estas sesións, explica Iván González, “están orientadas a persoas que se están iniciando no mundo universitario ou a mozos e mozas que, dende fóra, poden ten certo interese por el, como estudantes de grao ou mestrado”. Ademais, engaden, “cada unha das principais liñas de traballo de Adingor Joven está dedicada a aumentar a presenza de novos investigadores na Conferencia Internacional de Enxeñaría Industrial e Xestión Industrial (ICIEIM) e Congreso de Enxeñaría de Organización(CIO)e á celebración de obradoiros específicos no seu marco.

Valoración da primeira edición

Esta aposta de Adingor Joven por crear un foro de debate naceu xusto en plena pandemia de covid-19 o ano pasado. Así, a súa primeira edición celebrouse en xullo e, necesariamente, en formato virtual, contando coa participación de 80 persoas de 14 universidades diferentes, incluídas dúas estranxeiras. “Superou con creces as nosas expectativas, tendo en conta que eran as primeiras que organizabamos, o estado da pandemia e que o público ao que se dirixen non é un colectivo especialmente numeroso”. Con todo isto, dende a asociación cualifican o evento como “un éxito rotundo e sen paliativos”.

As persoas interesadas en participar nestas xornadas deben inscribirse a través do seguinte enlace: Young Adingor sessions registration form