DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Tolkien in the 21st Century: Reading, Reception, Reinterpretation' foi editado por Jorge Luis Bueno

Nove achegas para reconsiderar cunha perspectiva tripartita algúns dos temas máis relevantes da obra de Tolkien

Investigadores consagrados e noveis participan no volume publicado por Cambridge Scholars Publishing

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/09/2022

Transcorrido case medio século do seu pasamento, o interese pola obra do escritor, filólogo, poeta e lingüista J.R.R. Tolkien lonxe de minguar, mantense, se cadra, máis vivo que nunca. A millonaria audiencia que desde a súa estrea o pasado 1 de setembro está a acadar a serie The Lord of the Rings: The Rings of Power, baseada na novela The Lord of the Rings e os seus apéndices, é unha proba máis da fascinación que a obra de Tolkien segue a espertar no século XXI.  Mais, lonxe dos centos de miles de espectadores que a última serie inspirada nunha obra do escritor británico está a sumar, o legado de Tolkien tamén protagoniza outros traballos, como Tolkien in the 21st Century: Reading, Reception, Reinterpretation, editado polo docente e investigador do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da UVigo, Jorge Luis Bueno Alonso e publicado por Cambridge Scholars Publishing.

“Na sempre medrante bibliografía sobre Tolkien este volume quere facer unha pausa para coller folgos renovados e reconsiderar certos temas de importancia na súa obra tendo en conta a perspectiva tripartita do título”, explica Bueno sobre o volume que editou, no que se revisan as lecturas críticas sobre o autor, a recepción ao longo dos tempos da súa obra e as múltiples formas de reinterpretalas dende novos paradigmas. O que inicialmente se organizara como un seminario presencial no ano 2020, rematou, por mor da pandemia, reconvertido nun libro que achega agora ás e aos lectores unha variedade de voces sobre Tolkien, “dende especialistas consagrados na academia e na especialidade, ata novos investigadores que comezan as súas carreiras académicas; dende especialistas independentes, ata doutorandos nas súas derradeiras etapas de escritura de tese”, detalla o docente e investigador da UVigo. Co obxectivo de que todo tipo de lectores de Tolkien puidesen ter achegas rigorosas e informadas sobre a obra do escritor, así como afondar en temas específicos que tivesen que ver con como se le e comprende a súa obra no século XXI, o editor do volume solicitou aos oito autores e autoras que participan xunto a el no volume “unha variedade de aproximacións temáticas e metodolóxicas de traballo”, explica Bueno, que lembra que ademais o pasado mes de abril , aproveitando a visita de investigación dun dos participantes no volume e doutros dos especialistas celebrouse un seminario sobre a temática do libro para adiantar os temas da publicación.

Dragóns, runas, raza ou personaxes femininas na obra de Tolkien

Tolkien in the 21st Century: Reading, Reception, Reinterpretation iníciase co capítulo One visible form: Illustrating Middle-earth,no que a investigadora e docente da UVigo, Adriana Taboada González escribe sobre as ilustracións e as obras artísticas baseadas na obra de Tolkien. Pola súa banda o investigador da Universidade de Cork, Tom Brikett centra o seu capítulo, Tolkien´s Runes and their Legacy, na interface entre a páxina escrita e a idea pictórica subxacente ao uso das runas na obra do escritor británico. No terceiro capítulo, Maldon in the Middle: J.R.R . Tolkien´s The Homecoming of Beorhtnoth as a Guide to Translate “for his ofermode” (89), with a New Bilingual Proposal, Jorge Luis Bueno escribe outra interface conectada con dous temas clásicos nos estudos de Tolkien, “a súa propia consideración sobre o proceso creativo (o académico vs.  o escritor) e como outros académicos consideran temas semellantes no que atinxe a aspectos creativos, filolóxicos e de tradución”, explica o editor do volume.

Stuart Lee da Universidade de Oxford desenvolve a modo de masterclass escrita no cuarto capítulo, Where many paths and errands meet: A Close Reading of The Lord of the Rings (RK, V, iv, 1083-1085), unha lectura crítica estilística dunha escena (o final do capítulo The Siege of Gondor, RK V, iv, para determinar por que Tolkien era un mestre da narrativa, mentres que Jonathan Lench, da Universidade de Heilderberg, ofrece en Endings as Begininings: Tolkien’s World and the Question of Race unha análise de temas como a raza, a empatía e a alteridade na obra do autor de The Lord of the Rings. É precisamente nesta obra de Tolkien na que Andoni Cossio, da Euskal Herriko Unibersiatatea, estuda no capítulo seis do libro, Oral Tradition in The Lord of the Rings, a presenza dos trazos da literatura oral.

O volume remata con tres capítulos nos que, dunha banda, Sergio López da Universidade de Oviedo presenta en Finding a Mythology: From Tolkien’s Reality to Middle-earth, unha comparativa entre o itinerario vital de Tolkien e o mundo mitolóxico creado polo autor. No capítulo oito, Corcerning Smaug: Origins, Development and Afterlives of a Literary Dragon, Ibai Adrián Goldara analiza a presenza da figura literaria do dragón na obra de Tolkien, as conexións do seu dragón con outros lendarios e a influencia do seu nos autores e autoras de ficción posterior. O libro remata coa exploración que Laura Gálvez realiza en Fairy Women in J.R.R. Tolkien’s The Lord of the Rings and their Arthurian Counterparts da influencia da figura medieval da raiña/doncela das fadas na construción dos personaxes femininos de The Lord of the Rings