DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seis competirán no de piragüismo e outros tres nos de squash, deportes de praia e vela

Nove estudantes representarán a UVigo nos mundiais universitarios

Ciencias da Educación e do Deporte é a facultade con maior número de representantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 31/07/2026

Nove estudantes da Universidade de Vigo competirán nas próximas semanas en catro dos campionatos do mundo universitarios promovidos pola Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU). A cita con maior número de representantes da UVigo será o mundial de piragüismo, para o que foron seleccionados seis alumnas e alumnos da institución académica, que estará tamén representada nos campionatos universitarios de squash, deportes de praia e vela.

Seis destes nove deportistas fórmanse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, o centro que terá unha maior presenza nestes mundiais universitarios, nos que tamén competirán dous estudantes da Escola de Enxeñaría Industrial e unha alumna da Facultade de Deseño.

Seis estudantes remarán nas augas de Hungría 

Do 17 ao 20 de agosto, a cidade húngara de Szeged acollerá mundial universitario de piragüismo, no que participarán deportistas de máis de 30 países. Esta localidade acollía a pasada fin de semana o Campionato de Europa Júnior e Sub23, onde Uxía Rodríguez lograba a medalla de bronce na modalidade por equipos do K4 500 metros, como xa fixera semanas antes no mundial sub23. “Para min, participar nun Campionato do Mundo Universitario supón unha oportunidade moi especial, tanto a nivel deportivo como persoal”, salienta a alumna da Facultade de Deseño, que buscará tanto gozar da experiencia de vivir por primeira vez un mundial universitario, como “dar o mellor de min na competición e loitar polos mellores resultados posibles”. Na que define como “unha oportunidade para competir a nivel internacional representando á Universidade de Vigo”, Rodríguez tomará parte na competición individual de K1 1000 metros, así como nas modalidades que determine o equipo técnico.

Integrante do grupo e adestramento de kaiak sénior e sub23 da federación española, Mauro Domínguez será outro dos estudantes que retornará á Szeged tras este Campionato de Europa. Alumno o Grao en Educación Primaria, vivirá a súa segunda experiencia nun mundial universitario, tras ter participado no de 2024, do que retornou sorprendido polo nivel dos contrincantes, recoñece. “Gustaríame estar preto da medalla”, sinala Domínguez Figueira, que opta a formar parte dos barcos de equipo K2 e K4 cos que España competirá nas diferentes distancias da modalidade de kaiak.

Alumna desta mesma facultade, María Paraja será outra das deportistas que retornea Hungría despois do Campionato de Europa. "Estou moi contenta de ter sido seleccionada para este mundial universitario, é unha recompensa ao esfrozo tanto deportivo como académico", sinala esta kaiakista, que explica que "aínda non nos asignaron as plazas nas que competiremos". Para Paraja, será a súa segunda participación no mundial universitario, tras quedar en 2024 "as portas da medalla", o que fai que o seu reto nesta cita sexa tratar de subir ao podio.

Estudante tamén do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Irene Lata tamén vivirá a súa segunda experiencia no mundial universitario. “Aínda non está definido en que probas competiremos, pero principalmente participarei nas da distancia dos 500 metros, na que conseguín a clasificación”, sinala Lata Cagiao, para quen participar nunha competición internacional, “acompañada das miñas amigas e compañeiras da Universidade, formando parte dun mesmo equipo, é moi gratificante”. 

No caso da canoa, o tamén estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte Carlos Gutier será outro dos integrantes do equipo co España competirá en Hungría, a onde viaxará cos obxectivos de “gozar da experiencia, render ao máximo e, se é posible, intentar conseguir algunha medalla”. Aínda que Gutier Picón xa sabe o que é participar nun mundial xuvenil, este campionato suporá para el o retorno ás competicións internacionais tras unhas “tempadas difíciles”, recoñece. “Clasificarme para o mundial universitario foi unha alegría enorme”, sinala este deportista, quen prevé poder remar na distancia de 500 metros, pola que obtivo unha clasificación que, conclúe, “demostroume que non hai que precipitarse nin dar por perdido nada”. 

Tamén remará neste mundial o canoísta e estudante do Grao en Enxeñaría Química Yoel Becerra, neste caso representando ao Uruguai. Tras anos “fóra da competición de alto nivel”, este deportista con dobre nacionalidade, que en 2018 acadara o bronce nos Xogos Olímpicos da Xuventude, estreábase o pasado mes de maio como internacional uruguaio nunha proba da Copa do Mundo. Nun ano no que retomou os adestramentos de “certo nivel”, explica, Becerra Bernárdez buscará “pelexar por entrar nas finais” no mundial universitario, no que competirá nas probas de C1 de 500 e 1000 metros. 

O reto de revalidar o título mundial 

Formada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Marta Domínguez acadou en 2024 a medalla de ouro na competición individual do Campionato do Mundo Universitario de Squash, despois de ter logrado o bronce dous anos antes. No presente curso, retornou ao centro do campus pontevedrés para cursar o Máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, o que levará a participar, entre o 3 e o 9 de agosto en Mumbai, no seu terceiro mundial universitario. Domínguez viaxará á India co reto de revalidar o título, así como de subir ao podio na modalidade por equipos, despois de completar a súa mellor tempada no circuíto profesional. “Para min, este torneo sempre é moi especial, porque non é fácil compaxinar os estudos co deporte”, recoñece unha deportista que ocupa actualmente o posto 43 no ránking mundial. 

“Un gran salto de nivel”

Xa en setembro, a localidade portuguesa de Figueira da Foz acollerá o Campionato do Mundo Universitario de Deportes de Praia, no que competirá o tamén estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Saúl Bello. “Vai ser a primeira vez que participe a nivel internacional nunha competición universitaria e, sendo un mundial, é un gran salto de nivel que me motiva para facer o mellor papel posible”, salienta Bello Álvarez, que competirá en loita praia, na categoría de -80 quilos. Tras lograr neste 2026 a medalla de ouro no Campionato de España Universitario de Loita, Bello acudirá á cita universitaria co obxectivo de “conseguir pasar as roldas de clasificación e chegar a loitar polas medallas”.  

O reto de competir cunha embarcación diferente

A última cita no calendario da FISU na que estará representada á UVigo será o mundial de vela, que se disputará entre o 28 de setembro e o 2 de outubro na cidade croata de Split. Integrante do equipo preolímpico da federación española e estudante do Grao en Enxeñaría Biomédica, Stella Maris Enríquez será unha das integrantes do equipo co que España disputará esta competición, que se disputará con barcos Melges 20. “Ao ser a primeira vez que competiremos nesta categoría, simplemente queremos coordinarnos ben entre os catro integrantes que conformamos o equipo”, todos eles membros do equipo preolímpico, “e, a partir de aí, navegar como sabemos”, salienta. A pasada fin de semana, Enríquez acadaba o sexto posto do Campionato do Mundo Júnior de 49er FX, a categoría na que habitualmente compite. Pese a súa experiencia internacional, esta estudante recibiu como “un gran orgullo” a oportunidade de estrearse nun mundial universitario, “xa que hai moi poucas oportunidades de poder competir neste campionato”.