DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo a dirección do catedrático da UVigo Jaime Cabeza

Tras nove meses da súa entrega en vigor, académicos e xuristas comparten nunha xornada as súas impresións sobre a reforma laboral

Clausurará o evento o secretario de Estado de Emprego e Economía Social, Joaquín Pérez Rey

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/10/2022

Xuristas de recoñecido prestixio no ámbito universitario e xudicial participan este xoves e venres en Vigo nas Xornadas Xurisprudencia e Reforma Laboral e de Seguridade Social, unha actividade organizada polo Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo baixo a dirección do catedrático Jaime Cabeza co obxectivo de discutir sobre a reforma laboral do 2021 e analizar as primeiras resolucións xudiciais que deixa xa sobre a mesa. A cita, que dá continuidade a unhas primeiras xornadas organizadas en setembro do 2021 no campus de Ourense, desenvólvese nesta ocasión no salón de actos da sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial con preto de 90 persoas inscritas, fundamentalmente avogados e graduados sociais, pero tamén profesionais de asesorías e do ámbito sindical, entre outros.

“Pareceunos importante realizar unha análise da reforma laboral e da doutrina xudicial que se se está a producir arredor dela”, salientou Cabeza na inauguración do encontro, quen explicou que nos nove meses e medio de vida da reforma laboral deu xa lugar ás primeiras análises académicas e tamén ás primeiras sentencias de instancia. Ao mesmo tempo, tal e como el mesmo recalcou, “produciuse tamén unha lei transformadora do sistema de seguridade social, polo que nos pareceu adecuado xuntar a análise de ambas reformas”.

Dobre enfoque: doutrinal e xurisprudencial

Para levar a cabo esta análise deseñouse un programa “moi completo” caracterizado por este dobre enfoque, doutrinal e xurisprudencial, e pola variedade de temas a tratar, incluíndo tanto a dimensión laboral como a de Seguridade Social. Ademais, como peche das xornadas, mañá venres ás 12.30 horas contarase coa participación do secretario de Estado de Emprego e Economía Social, Joaquín Pérez Rey, quen desde una perspectiva máis política, “aínda que tamén académica”, fará unha reflexión sobre que medidas se agardan da última parte da lexislatura desde o punto de vista da acción de goberno.

Divididas en catro eixes temáticos principais, as xornadas arrancaron cunha mesa redonda sobre a contratación, incluíndo tanto a contratación temporal como a contratación fixa descontinua, temáticas para as que se contou coa participación das profesoras Patricia Nieto, da Universidad Nacional de Educación a Distancia, UNED, e de Francisca Fernández Prol, da propia Universidade de Vigo, así como do maxistrado do Xulgado do Social número 3 de Pontevedra, Fernando Cabezas Lefler, que foi o encargado de afondar sobre as diferentes cuestións relacionadas coa aplicación xudicial da reforma da contratación temporal.

Despedimentos, reformas na pensión de xubilación, ERTES...

“O segundo bloque temático analiza unha cuestión na que realmente non entrou a reforma, pero que sempre está presente como obxecto de debate e que nos parece importante tratar, o despedimento, analizándoo tamén desde unha perspectiva doutrinal e da aplicación por parte dos tribunais”, explicou Cabeza.

O terceiro eixe temático está centrado en como se reformou a negociación colectiva no 2021 e como, a partires de aí, se está aplicando o seu desenvolvemento. Xa como cuarto eixe as xornadas farán repaso da reforma da Seguridade Social. “O ano pasado producíronse importantísimas reformas na pensión de xubilación e por iso decidimos contar cunha persoa que está sempre preto destas reformas, o catedrático de Dereito de Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense de Madrid José Luis Tortuero, ao que eu mesmo lle darei a réplica coa doutrina xudicial en materia de Seguridade Social”, apuntou o director das xornadas.

A maiores, o programa da xornada inclúe tamén un quinto eixe temático, “cuarto da reforma”, que ten que ver coa regulación de emprego temporal, “os famosos ERTES e o mantemento do emprego”, para o que se contará coa participación da profesora Francisca Ferrando, da Universidad de Murcia, e da maxistrada da sala cuarta do Tribunal Supremo Concepción Ureste, que falará sobre todo, de reestruturacións empresariais, xa se trate de despedimentos colectivos ou de ERTES.

Revista de Dereito Social

Esta actividade está organizada no marco das Axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema Universitario Galego, así como na Revista de Dereito Social, na que se conta cunha sección de xurisprudencia do Tribunal Supremo, coordinada polo catedrático Jaime Cabeza e na que participan varias das docentes con presencia nas xornadas.