DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conseguidos no I Trofeo Concello de Oia e no Campionato Galego de Sprint

Nove novos podios para o equipo universitario de Orientación

Tras esta dobre xornada o equipo realizará un parón ata finais de agosto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 25/06/2018

Suma e segue. As e os deportistas do equipo de Orientación da Universidade de Vigo viviron esta fin de semana, xusto antes do parón estival, unha dobre xornada de probas na que se cumpriron con creces as expectativas postas nos dous torneos disputados: o I Trofeo Concello de Oia e o Campionato Galego de Sprint. En total conseguíronse nove podios acadados por Brais Piñeiro, Begoña Crespo, Germán Pérez, Ana Iglesias, Cristina Fernández, Vicente Pastoriza e Francisco Enrique Blanco.

A primeira competición en disputarse foi o I Trofeo Concello de Oia, unha proba de distancia longa celebrada o sábado pola mañá no monte da Valga nun día de forte calor e cun mapa “caracterizado pola esixencia técnica na que a pericia co compás é esencial”, explicou o responsable do equipo, José Luis Armada. Cristina Fernández e Begoña Crespo acadaron a primeira posición nas categorías F40 e F45; Vicente Pastoriza e Ana Iglesias, a segunda en M40 e F40, e Francisco Enrique Blanco, a terceira en M21B.

Xa pola tarde, a cita foi nas rúas da zona urbana de Baiona, onde se levou a cabo a segunda parte do Campionato Galego de Sprint, que se sumaba á fase previa celebrada en abril en Porto do Son. “Foi unha carreira na que a rapidez e a lectura correcta de mapa eran esenciais para orientarse nas rúas desta histórica vila”, apuntou Armada, que explicou que tras a carreira deste sábado os resultados sumáronse aos acadados previamente en Porto do Son, acadando o equipo universitario vigués varios metais.
Na categoría elite, Brais Piñeiro alcanzaba a prata na clasificación conxunta. Doutra banda, Begoña Crespo remataba en primeira posición na proba de Baiona pero a suma dos dous resultados relegouna á medalla de prata. Germán Pérez conseguía tamén a segunda praza no suma da categoría M45 mentres que Ana Iglesias (F40) alcanzaba o bronce. 

Con esta dobre xornada a Liga Galega de Orientación a Pé 2018 descansa ata setembro, mentres que a Liga Nacional de Orientación volverá a finais de agosto co III Trofeo Internacional Diputación de Palencia onde competirán varios orientadores e orientadoras da Universidade de Vigo.