A Universidade da Coruña foi a vencedora da competición celebrada en Vilagarcía de Arousa
Nove tripulacións mediron as súas forzas no Campionato Galego Universitario de Vela
A UVigo, organizadora da proba, estivo representada por tres embarcacións
Nove tripulacións, integradas por 35 estudantes das tres universidades galegas, tomaron parte no IV Campionato Galego Universitario de Vela, no que a vitoria foi para unha das cinco embarcacións coas que a Universidade da Coruña (UDC) concorría a esta competición, na que acadou tamén o primeiro posto no cómputo global por universidades. A Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo e a Real Federación Galega de Vela foron os organizadores desta competición, que tivo lugar ao longo da xornada do xoves en Vilagarcía de Arousa. Nela, a institución viguesa estivo representada por tres tripulacións, mentres que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) contou cun único equipo.
Aberto á participación de estudantes que fosen tamén regatistas federados, o campionato tivo como sede o Centro Galego de Vela e desenvolveuse con barcos Elliot de 6 metros e tripulacións mixtas. Na final, alzouse coa vitoria unha das embarcacións que representaba á UDC, integrada por Marta Torres, Fernando Núñez, Hannah Sofía Carregui e Jaime Herrero. A medalla de prata foi para a única tripulación da USC, completando o podio outro dos barcos tripulados por estudantes da Coruña. En cuarto lugar rematou a tripulación integrada polos estudantes da UVigo Nicolás Domínguez, Emma Arana e Sergio Golpe.
No computo global por universidades, a UDC rematou en primeiro posto, seguida pola USC. No terceiro lugar situouse a UVigo, que estivo tamén representada por outros dous equipos, un conformado por Irene María Martínez-Almeida, Pablo Vieites e Rafael María Martínez-Almeida e a outro composto por Nuno Meijide, Javier Rasilla, Rosalía García e Carla López.
As instalacións do Centro Galego de Vela acolleron tamén o acto de entrega de premios, no que participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a vicerreitora de Cultura, Divulgación e Deporte da UDC, Cristina Naya; o adxunto ao reitor da USC Javier Rico, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.
Os CGU continúan en marzo
A competición celebrada este xoves constituía a segunda cita da 27 edición dos Campionatos Galegos Universitarios (CGU), que botaron a andar este martes no campus de Ourense coa competición de natación. Coa participación de 600 alumnos e alumnas das tres universidades e o patrocinio, por primeira vez, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, os CGU retomarán a súa actividade os días 12 e 13 de marzo na Coruña, onde terán lugar as competicións de deportes colectivos, que abranguen fútbol, fútbol sala, rugby, baloncesto, voleibol e balonmán. Finalmente, o 25 de marzo terá lugar o campionato de orientación, organizado pola USC.