DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permanecerán ata o vindeiro 30 de marzo

A novena edición da Bienal de Caricatura volve ao campus con tres exposicións

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 05/03/2008

Máis de 70 artistas de todo o mundo danse cita en Ourense a partir deste mércores na novena edición da Bienal de Caricatura. A mostra arranca coa inauguración de oito exposicións que permanecerán abertas dende o día 5 ata o 30 de marzo espalladas por varios escenarios da cidade: no campus, na Casa da Xuventude, no Museo Municipal, no Liceo e no centro Cultural da Deputación provincial.
A Vicerreitoría do campus foi a encargada de organizar tres das exposicións enmarcadas na Bienal. Por un lado, Homeaxe ao Carrabouxo recolle una reinterpretación de doce humoristas galegos do personaxe creado por Xosé Lois fai 25 anos. Pepe Carreiro, Gogue, Nacho Hortas, Xosé Tomás, Leandro, Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Fernando Quesada, Santy, Kiko da Silva, Siro e Suso Sanmartín serán os encargados de amosar a súa visión persoal do Carrabouxo nos xardíns do campus.
Por outra banda, o edificio Politécnico acollerá a mostra Retranca, unha selección do material publicado nos cinco primeiros números da revista do mesmo nome dirixida por Kiko da Silva que recolle cada mes o mellor do humor galego. E por último, o personaxe de Gogue amosa os seus primeiros pasos na cociña dentro da exposición Floreanos en escabeche que permanecerá na cafetería da Biblioteca.

Outras exposicións

O casa da Xuventude acollerá a exposición de Caricaturistas noveis, onde permanecerán un total de 48 obras premiadas e seleccionadas no IX Concurso Galego de Caricaturistas Noveis convocado pola organización da Bienal. Ademais tamén será o escenario da mostra do autor convidado nesta edición, o colombiano Turcios.
Outro dos escenarios será o Museo Municipal, que albergará a mostra Caricaturistas galegos, unha selección do mellor da obra realizada entre 2006 e 2008 polos autores que publican nos medios galegos. Ademais, por primeira vez a tradicional Festa da Caricatura terá lugar nas dependencias do Museo e non no edificio Simeón como viña sendo habitual, xa que este ano a Bienal con conta co apoio da Deputación de Ourense. Alí, os debuxantes encontraranse cara a cara co seu público e caricaturizarán a todo aquel que o desexe. A cita terá lugar o sábado 8 de 19.00 a 21.00 horas e o domingo 9 de 12.30 a 14.00 horas.
De todos os xeitos o Centro Cultural da Deputación acollerá, na súa Sala Cero a exposición histórica Joao Abel Manta, unha homenaxe ao autor portugués con motivo do seu 80 aniversario.
Tamén o Liceo contará cunha exposición, As voces líricas do século XX, unha mostra colectiva baseada na arte lírica, con especial relevancia do primeiro gran tenor do século XX, Enrico Caruso, que ademais de cantor era tamén caricaturista.