DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"The Sunday Drivers" inauguran este mércores as actuacións no campus

Novidade e calidade distinguen as actuacións musicais e teatrais do segundo cuadrimestre

Máis dunha ducia de actuacións en cartel

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/02/2008

Coa música dos The Sunday Drivers comezarán, o vindeiro mércores 27 de febreiro, as actuacións programadas pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, para o segundo cuadrimestre do curso.
Máis dunha ducia de actuacións musicais e teatrais, co denominador común da orixinalidade, sucederanse ata o vindeiro 14 de maio nos escenarios habituais do campus universitario, aos que se sumarán o Conservatorio Superior de Música de Vigo e o Auditorio do Centro Cultural Caixanova.
Como xa sucedera en anos anteriores o ciclo Circuíto4X4 de apoio á música tradicional galega, así como o de teatro ALT, volven incluír nos seus respectivos programas, algunhas das actuacións que forman parte do programa deste segundo cuadrimestre do curso.

De Toledo a Suecia pasando por Galicia

Banda de culto en Alemaña, Francia ou Suíza, os toledanos The Sunday Drivers, serán os encargados este mércores no Teatro de Cidade Universitaria de abrir a programación do segundo cuadrimestre. Con tres discos no mercado e varios temas con ampla difusión internacional a través do cine e da publicidade, o grupo no que Jero Romero leva “ a voz cantante”, publicaba hai case un ano, Tiny Telephone, gravado en San Francisco.
Á musica de inspiración pop dos The Sunday Drivers, daralle o relevo o 9 de abril o sempre sorprendente Sr.Chinarro. Desde a publicación en 1993 de Pequeño Circo, ata a edición en 2006 de El mundo según, o grupo sevillano sacou ao mercado máis dunha decena de traballos, nalgúns casos con importante recoñecemento da crítica especializada. A banda estreará traballo o vindeiro 1 de abril, co título de Ronroneando.
Un concerto, o primeiro do Ciclo Sonora08, ao que seguirá o día seguinte, 10 de abril, o dos suecos The Radio Dept, liderados or Martin Larsson, co seu pop rock oscuro de corte británico.
A música máis alternativa deixará paso o 19 de abril ao son dos coros. Será coa actuación conxunta que os coros universitarios de Vigo e A Coruña protagonizarán o Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Pola súa banda os sons tradicionais e os dos aspirantes a facerse un oco no panorama musical, tamén terán o seu momento nesta programación cultural ,da man, no primeiro caso, do Circuíto4X4, impulsado pola Consellería de Cultura para apoiar á musica galega. Ademais como punto final á programación do curso, celebrarase no Teatro de Cidade Universitaria un concerto de todos os grupos que participaron no programa Ensaiamos a través do que a Universidade pon a disposición dos grupos universitarios, un espazo no que poder ensaiar.

Teatro espallado por diferentes escenarios

Esfera Teatro coa obra Se alquila. De cuerpo presente, protagonizará a primeira das actuacións teatrais que compoñen a programación do segundo cuadrimestre. Unha actuación que ten a peculiaridade de estar incluída no Festival Alternativo de Teatro e Danza, ALT08, que así achégase ao campus.
Mago Teto e Titola Teatre, levarán ao Centro Comercial o seu teatro de rúa coas obras Tule Maxias e Camarero, una de.., respectivamente o 5 e o 12 de marzo.
Avalado polo Premio Alfil no XI Festival Internacional de Humor de Madrid e o Premio Mellor Espectáculo de Sala da Fira de Teatro de Tárraga, chega ao Teatro de Cidade Universitaria o 3 de abril a obra Sólala, dos andaluces Pez en Raya.
As representacións continuará entre o 21 e o 29 de abril na décima edición do MITEU, Mostra Internacional de Teatro Universitario que traerá ao campus vigués, e tamén ao Auditorio do Centro Cultural Caixanova, os traballos de grupos de diferentes nacionalidades, así como os preparados pola Aula de Teatro do campus vigués.
O teatro de rúa de Miss Vero coa obra Divina de la Muerte e dos Malabreikers, os días 7 e 14 de maio, respectivamente, pecharán a programación cultural da Universidade de Vigo no segundo cuadrimestre do curso.

Novidade e calidade

Cunha vocación formativa dos que serán so futuros espectadores, pero sen esquecer unha firma aposta pola novidade e a calidade, a Vicerreitoría de Extensión Cultural, volveu elaborar unha programación coa que dar resposta aos amantes da música e o teatro, de dentro e fóra da comunidade universitaria.
Coa colaboración de Caixanova, a oferta da Universidade de Vigo suma xa seis convocatorias, nas que se consolidou como un referente dentro da oferta cultural da cidade.