DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo masculino perdeu 58-72

O novo adestrador tampouco trouxo a ansiada victoria ao Campus

Mentres, o equipo feminino volveu gañar

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 14/01/2008

“Puido máis o corazón que a cabeza”, así definiu Nino Santos a actitude dos seus homes no partido da súa estrea como adestrador. Por novena vez consecutiva os do Campus caeron, desta volta por 58-72 ante o Celso Míguez na casa. Nunha xornada na que sobraron as ganas pero faltou o acerto e na que sempre foron por detrás no marcador. Santos explicou que “houbo unha xogada decisiva no terceiro cuarto. Fixemos un ataque pero fallamos o triple á hora de encestar, eles colleron o balón, tiraron dende os 18 metros e metérona. Afundiunos psicoloxicamente” dixo. No partido debutaron co equipo os xogadores do Orsating, veteranos do Universitario, Rubén Pato e Rubén Fernández, Ribadeo, que segundo o adestrador “estiveron ben, non foi cousa deles a derrota, foi do equipo en xeral” comentou.
Así, os do Campus seguen como últimos clasificados da táboa, posto que tentarán mellorar a vindeira xornada ante o Peleteiro o domingo ás 17:00 horas.

O equipo feminino

Pola contra, o equipo das mozas aínda non coñece a derrota esta tempada. Gañaron 34-50 ao Colexio Mariano en Vigo nun partido “lento e duro pola maior idade das xogadoras rivais” comentou Roberto, o adestrador. Aínda que dende o primeiro cuarto as do Campus mantiveron unha diferencia duns 10 puntos sobre as súas contrincantes e non houbo perigo “custou anotar tantos, tratamos de manter o ritmo pero houbo moitas faltas que non se pitaron e moitas imprecisións” manifestou o técnico.
A próxima xornada non terá lugar ata o sábado 26 de xaneiro ante o Peleteiro de Santiago na casa.