DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada mes está dedicado a un servizo ou unidade administrativa

O novo calendario da ANL pon en valor o labor do PAS na promoción do galego

Editáronse 1300 almanaques en papel e na web da área pode descargarse en formato dixital

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/01/2022

A Área de Normalización Lingüística da UVigo dedica este ano o seu tradicional calendario a pór en valor o labor dos diferentes servizos e unidades administrativas da Universidade de Vigo a prol do fomento do galego, “lingua propia da Universidade de Vigo e lingua de uso normal nas súas actividades”, tal e como se recolle no artigo 1, punto 3 dos seus Estatutos. “A idea xorde da necesidade de contribuír a dar visibilidade á estreita relación entre o idioma galego e os servizos universitarios, cuxa implicación é fundamental para a protección e a promoción da lingua propia da universidade. Xa que logo, o obxectivo é recoñecer este imprescindible labor”, tal e como explica o director da área, Fernando Ramallo.

Cada un dos meses está dedicado a un servizo e, polo tanto, son unha ducia as unidades, seleccionadas por sorteo, as que se empregan como exemplo da implicación do persoal de administración e servizos non só coa aplicación da normativa, “senón co presente e co futuro do idioma”, tal e como se destaca na presentación do calendario.

12 servizos comprometidos co fomento do galego

Deseñado pola Área de Imaxe, o mes de xaneiro está dedicado á Area de Emprego e Emprendemento, na que se traballa para facilitar que o estudantado afronte o seu futuro profesional coas maiores garantías de éxito; febreiro é o mes da Área de Tecnoloxías da Información e Comunicacións, ATIC, desde onde se tenta normalizar o uso do galego nas TIC ofrecendo servizos multilingües tanto nos servizos en liña como na atención ás persoas usuarias. 

A primavera chega no mes de marzo da man do Servizo de Control Interno, encargados de controlar a legalidade dos aspectos económicos e administrativos, en especial dos gastos. O mes de abril está dedicado ao Gabinete de Prensa, onde se informa en galego de todo canto acontece na Universidade de Vigo e, maio, resérvase para a Área de Calidade, encargada de facilitar e apoiar o desenvolvemento dos procesos de mellora da calidade.

O verán é para o Servizo de Xestión da Extensión Universitaria, en xuño; o Servizo de Apoio á Investigación e Desenvolvemento, SAID, en xullo, e a Área de Benestar, Saúde e Deporte, en agosto. A transición cara o outono, setembro, é para o Servizo de Prevención de Riscos Laborais; outubro, para a Biblioteca Universitaria; novembro, para a oficina de I+D, e o ano remata en decembro co Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos, desde onde se destaca a obriga “formal e ética” de fomentar o galego das empregadas e empregados públicos e o compromiso persoal do servizo, de xeito maioritario, “coa lingua da terra na que vivimos e que vai máis alá do ámbito laboral”.

Distribución por todos os centros da UVigo

Como xa é habitual, volve apostarse  polo formato dun calendario de parede no que cada páxina é un mes.  “Imprimíronse 1300 almanaques e a distribución está a facerse por todos os centros da Universidade, garantindo un número mínimo que esperamos poida ser suficiente para as persoas interesadas”, explica Ramallo, ao que engade que, de ser preciso, imprimiríase  unha “segunda edición”.

Desde a ANL destacan tamén a tripla función do calendario. “Dunha banda, como almanaque en si mesmo; doutra banda, constitúe un referente nas obrigas que a Universidade ten na promoción dunha lingua minorada; e tamén cómpre dicir que, grazas tanto á Área de Imaxe como a diferentes artistas que colaboraron en determinadas anualidades, o calendario ten unha función estética que o converte tamén nunha obra visual recoñecíbel pola comunidade universitaria”.