As mostras formaron parte do ciclo expositivo Recipro-edadiC
Un novo catálogo da Sala Alterarte fai memoria de dez exposicións realizadas no campus
Abranguen desde setembro de 2023 a xullo de 2025
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, conta desde agora cun novo catálogo. Nel recóllense en imaxes e texto dez mostras, de arredor dunha vintena de artistas moi diversos, que foron expostas nos seus muros entre setembro de 2023 e xullo de 2025 no marco do ciclo expositivo Recipro-edadiC, dirixido polo artista en profesor xa xubilado da Universidade de Vigo Javier Blanco Sierra.
No acto de presentación Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou a importancia da actividade cultural no campus de Ourense e neste caso da súa sala de exposicións. Igualmente salientou o formato da publicación lanzada, formada por un compendio de libriños, un dedicado a cada unha das exposicións. Pola súa banda, Javier Blanco Sierra, explicou que o catálogo abrangue as exposicións realizadas nos cursos 2023/24 e 2024/25 ao abeiro do ciclo Recipro-edadiC, ciclo que, apuntou, naceu co obxectivo de darlle máis visibilidade a Alterarte e incrementar a conexión coa cidade deste “foco de cultura en Ourense”.
Da abstracción radical á culpa
O catálogo, que conta co financiamento da Deputación de Ourense, arranca coa mostra Clinamen, catro propostas de abstracción radical, comisariada por Manolo Figueiras e con obras dos artistas Alejandro Caporale, Antonio Fernández, María Puertas, Antonio Soria, que comparten na súa traxectoria creativa compaxinar ou alternar as linguaxes abstractas coas figurativas, cada un cun estilo diferenciado. Séguelle Resalire, con fotografía de Fuco Reyes, unha mostra realizada pola organización non gobernamental Igaxes como parte da campaña #NonNosXulgues, de desestigmatización da mocidade tutelada. A terceira das exposicións referenciadas neste novo catálogo é Tótems, con obra do colectivo Nova Escultura Galega, colectivo afincado en Galicia e formado polos creadores Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Jorge Varela (que comisariou a mostra) e Diego Vites.
Recipro-edadiC tamén contou coa exposición sóloEdades, do artista Fernando Barreira e comisariada por Tareixa Taboada. Foi unha mostra coa que se quixo conmemorar os 44 anos de produción plástica deste polifacético creador. Pola súa banda, De pictura trouxo á sala ourensá obras de Juan Carlos Meana nunha mostra comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán, e A arte da guerra / A guerra da arte (56) obras dos membros do Equipo Foco Manolo Figueiras e Xavier Riomao (nome artístico de Javier Blanco), con curadoría de Marita Carmona e referencia aos conflitos bélicos existentes.
O libro continúa coa mostra Retratos da paisaxe, do artista Enrique Ortiz e comisariada por Xosé Poldras, que recolle unha selección de 14 gravados deste pintor e gravador nacido en Ourense, e A Pel. Epílogo, comisariada por Xosé Lois Vázquez e formada por dúas exposicións: Da aparencia á aparición, de Xabier Fernández, e Bestiario de Femias, de Gabriela Rivera, que estivo situada non na Sala Alterarte senón no Paseo da Igualdade situado preto dela. Por último, na publicación pode verse Pensamento construído, con obra do escultor Enrique Conde e comisariada polo propio Javier Blanco, e Libre de culpa, exposición composta por obras dos membros do grupo Locos con Certificado, curada pola psicóloga e historiadora da arte Marta García e froito do traballo levado a cabo nun proxecto de terapia a través da expresión artística libre.
