DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da Cátedra Internacional José Saramago e do grupo BiFeGa

Un novo ciclo de cine propón unha ollada feminina sobre o pasado colonial e ditatorial de Portugal

Con entrada libre, a maior parte das proxeccións serán os martes ás 18.30 horas no Marco

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 04/11/2024

A Cátedra Internacionl José Saramago e o grupo de investigación BiFeGa da Universidade de Vigo acaban de lanzar unha nova proposta cultural para este outono en Vigo, trátase do ciclo de cinema Mulheres (d)e Abril. As realizadoras e a revoluçao, unha reflexión crítica sobre a visión das realizadoras portuguesas en torno a tres momentos clave da historia de Portugal: o período colonial, o proceso político que culminou na Revolução dos Cravos, e a loita pola emancipación da muller e o movemento feminista.

Con entrada libre, as proxeccións arrancarán este mesmo martes e prolongaranse ata o 10 de decembro. Serán no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, MARCO, salvo a sesión do 21 de novembro que terá lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. As proxeccións realizaranse en versión orixinal, con lendas en galego ou español, e contarán con debate posterior da man de diferentes convidadas, especialistas nas diferentes temáticas abordadas en cada un dos filmes. A cita será todos os martes ás 18.30 horas, salvo a de o día 21 de novembro que coincide en xoves. 

Desde esta semana ata decembro

O ciclo componse dun total de  sete filmes que ofrecen un ollar feminino sobre estas cuestións e, a maiores, proxectarase tamén o documental de Shola Lynch sobre Angela Davis, no que se narra a intensa loita desta activista durante os turbulentos anos 70 en Estados Unidos, lembrando os cargos que se lle imputaron e o seu posterior xuízo, anticipando un novo ciclo de cinema que terá lugar en 2025. 

Tal e como explican desde a organización, Mulleres (d)e Abril céntrase no ollar das mulleres sobre o pasado colonial e ditatorial de Portugal, sen descoidar tamén unha reflexión sobre o Portugal contemporáneo e o significado deses momentos históricos para o país hoxe. “Son unha selección de obras que pretende convidar o público a pensar sobre a herdanza histórica e o seu impacto no presente, a través da lente de realizadoras portuguesas e internacionais”.

Estrea cun filme de Carolina de Vasconcelos comentado por Oriana Méndez

A primeira proxección será A metamorfose dos pássaros (2020), ópera prima da realizadora portuguesa Catarina de Vasconcelos e para o que se contará coa participación da poeta Oriana Méndez. É unha viaxe á propia historia familiar da directora. Pártase do casamento de Beatriz e Henrique. El é oficial da mariña e márchase ao mar durante un tempo, mentres ela queda a cargo dos seus seis fillos. Un día, Beatriz morre de forma inesperada. O seu fillo maior é Jacinto, que sempre soñou con transformarse nun paxaro. E Jacinto é o pai de Catarina, cuxa nai tamén faleceu cando ela tiña só 17 anos.

Trátase pois dun filme poético e íntimo que cruza memorias familiares e historia nacional, explotando as relacións intergeracionais e a experiencia da perda. “Catarina de Vasconcelos utiliza unha linguaxe cinematográfica visualmente rica para retratar unha historia persoal que dá eco aos sentimentos de transición e transformación que marcaron Portugal na época da Revolución”.