DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O órgano renova os seus membros tralas eleccións a reitoría e claustro de abril

O novo Consello de Campus arranca a súa actividade

Na súa primeira sesión abordáronse cuestións como as cifras de matrícula

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/09/2018

Este mércores celebrouse a sesión extraordinaria de constitución e a primeira sesión ordinaria do Consello de Campus de Ourense tralas eleccións a reitoría e claustro celebradas o pasado 23 de abril. As sesións estiveron presididas por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, quen destacou ao seu remate o “ambiente excelente” no que se celebrou este primeiro encontro cos representantes dos diferentes colectivos e centros do campus ourensán. 

Sesión de constitución

A actividade comezou coa constitución do órgano de representación do campus. Compoñen o novo Consello de Campus de Ourense Manuel Reigosa, no cargo de presidente; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e as e os responsables dos sete centros propios do campus, como son Arno Formella, Francisco Javier Rodríguez, Gil Garrote, Mar García, Elena Rivo, Marta Fernández e Susana Reboreda. Representando ao sector PDI están Pedro Araújo, Beatriz Cancho, Pedro Cuesta, Mónica Siota e Alberto Vaquero; ao sector PAS Filemón Rivas e Remedios Lameiro e ao alumnado Ana Cambón. 

O estado das titulacións

Trala celebración da sesión extraordinaria de constitución, tivo lugar a primeira sesión ordinaria deste órgano, que se prolongou durante máis de dúas horas e á que tamén asistiu o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, José Luis Míguez. Na sesión, o reitor informou de temas de interese para o campus, produciuse a elección de representantes nas comisións delegadas do Consello de Campus e houbo unha quenda de rogos e preguntas na que os representantes da comunidade universitaria presentes trasladaron ao reitor un amplo abano de cuestións. 

Ao remate das sesións e en declaracións aos medios de comunicación Manuel Reigosa salientou como se tratou dunha “xuntanza inicial” na que tivo a oportunidade de escoitar demandas “moi razoables” de cada colectivo. Tamén tivo a oportunidade, indicou, de informar sobre o inicio de curso, destacando como “hai cousas das que podemos presumir”. Así salientou “as boas cifras” de matrícula acadadas ata o momento polo campus de Ourense e que situou na actualidade no 89,89%. Este dato, dixo, é lixeiramente superior ao do conxunto dos tres campus da Universidade de Vigo, que situou no 87%. Coa matrícula do alumnado que supere as probas de acceso en setembro, o reitor salientou a súa confianza en chegar case ao 100% de ocupación. 

No percorrido polo estado das diferentes titulacións do campus, o reitor amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento que está tendo a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, da que salientou a súa confianza en que sexa “unha titulación que actúe como tractora” para o campus de Ourense. Ademais de lembrar o seu éxito de matrícula, con catro solicitudes por praza e unha elevada nota de corte, o reitor anunciou ao Consello de Campus que “grazas ao traballo dos servizos, especialmente ao de contratación, temos en marcha todos os concursos para o equipamento científico que vai estar ubicado no campus de Ourense” para o desenvolvemento desta titulación. “O día 15 de decembro estarán todos os equipamentos listos para funcionar”, dixo. Polo que respecta á contratación de profesorado para esta escola, Manuel Reigosa adiantou como “todas as prazas van a estar cubertas” e como ademais “está moi avanzada algunha captación de profesorado de primeiro nivel”. 

Na súa visita a Ourense tamén fixo o reitor “unha louvanza especial para o equipo decanal de Historia, por conseguir encher as súas prazas” e abordou as dificultades do Grao de Enxeñaría Agraria para cubrir as súas prazas, anunciando a realización dunha campaña na que se dará a coñecer unha titulación da que destacou a súa importancia para Galicia. Sobre o seu potencial, lembrou como o campus de Ourense conta cunha agrupación que sitúa á Universidade de Vigo entre as mellores do mundo no eido agroalimentario.

Algúns dos retos para este curso

Polo que respecta aos retos para o novo curso académico, o reitor subliñou aos medios de comunicación como o seu equipo aposta “pola universidade das persoas” e explicou como os seus primeiros orzamentos “van a mudar cara un esforzo moito maior na captación de persoal”, un aposta que considerou “dunha importancia capital”. Especificamente sobre o campus de Ourense, Reigosa adiantou ademais retos como traballar para acadar un edificio propio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e unha planta piloto para o Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e “fortalecer a aposta polo rural”, colaborando con entidades como a Deputación de Ourense para dar a coñecer a institución académica no ámbito rural co obxectivo tanto de captar alumnado como de transferir coñecemento.