DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así é o novo Diario Dixital da UVigo

Novo DUVI. Renovación interna e externa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 25/09/2007
Mªdel Carmen Echevarría | Vigo
Coa finalidade de mellorar o servizo que presta tanto á comunidade universitaria, como aos medios de comunicación, preséntase a partir de hoxe unha renovada versión do Diario da Universidade de Vigo.
Desde o nacemento do DUVI, no ano 2000, ata a actualidade producíronse cambios que esixen unha reformulación non só visual, senón tamén na distribución e variedade de contidos, así como a súa funcionalidade de aí que unha das súas principais novidades sexa a publicación inmediata da información. Da portada estática de edicións precedentes, o novo DUVI opta por un estilo dinámico, máis propio do xornalismo electrónico fronte aos xornais tradicionais.
Por outra banda e coa finalidade de reflectir a súa puxante autonomía, a publicación estrutúrase a partir dos distintos campus, Ourense, Vigo e Pontevedra que pasan a ter seccións independentes que permiten coñecer todas as noticias referidas a cada un dos campus.

Novas seccións

A introdución de novas seccións que se suman as xa existentes, constitúe outra nas novidades que introduce o diario dixital, de xeito que a seccións xa existentes como Institucional, Investigación, Actividades Académicas, Cultura e Deportes ou Quiosco, engádense outras de nova creación como son Opinión, Axenda ou Maís Novas.
No apartado de Opinión contarase periodicamente coa coa intervención de coñecidos personaxes relacionados ou non coa vida académica sobre temas de actualidade ou que requiran dunha reflexión nun momento concreto. Trátase con esta sección de achegar a comunidade universitaria opinións sobre temas variados da man de persoas coñecidas, promovendo así pluralidade de puntos de vista.
Pola súa banda a Axenda recolle todas as actividades que teñen lugar na institución, de xeito que tanto a comunidade universitaria como os medios de comunicacións acceden dun modo eficaz ás convocatorias para cada día. Mentres a sección Outras Novas, recolle novas que ou ben afectan aos tres campus ou informacións relacionadas coa actividade académica ou a investigación en xeral.
Asemade, en breve, incorporarase na web do DUVI un enlace cunha publicación especialmente dedicada aos alumnos que atoparán nesta sección un instrumento útil para trasladar á comunidade universitaria as súas inquedanzas.

Mellora nos contidos e na imaxe

A nova versión do DUVI outorga á imaxe un papel destacado explorando as capacidades do multimedia con galerías de fotografías e gráficos como carteis e esquemas.
Asemade a novo diario permite ilustrar as información con arquivos de audio e hipervínculos mediante os que se accede a novas páxinas web. Enmarcado nas tendencias actuais no deseño web, o DUVI facilita que os usuarios que o desexen poidan ampliar a información ofrecida nos seus textos, mediante vínculos a novas fontes de información.
Analizados os cambios experimentados no seu contido, destaca tamén a renovación experimentada polo DUVI na súa aparencia.
Da man da Área de Imaxe coa que conta a Universidade de Vigo, o Diario da Universidade de Vigo foi obxecto de un redeseño coa finalidade de facelo visualmente máis atractivo ao tempo que se lle incorporaban os elementos que determinan a identidade corporativa da universidade.